Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
Telecomunicacións e Sociedade da Información
Telecomunicacións e Sociedade da Información
No Consello Europeo de Lisboa, en marzo de 2000, os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea lanzaron unha estratexia para preparar a Unión Europea para os desafíos do século XXI. As Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) foron identificadas como un elemento esencial dentro desta estratexia, tanto pola súa aportación á economía como polos beneficios que reportan á sociedade no seu conxunto. O seu papel destínase fundamentalmente ó incremento da produtividade e a mellora da competitividade. Posteriores análises da Comisión chegan á conclusión de que o 40% do incremento da produtividade na UE é debido ás TIC.

Ademais, as TIC proporcionan un estímulo para o desenvolvemento dos cidadáns e da súa calidade de vida. A maior difusión das TIC promove cambios non só en relación coa tecnoloxía. O seu uso implica novas formas de comunicación e interacción entre os cidadáns, entre as empresas e coa Administración, conducindo a novas estruturas sociais e económicas así como as novas formas de goberno.

Lamentablemente, Galicia ocupa unha posición moi retrasada en relación á sociedade da información. Calquera que sexa o indicador que se elixa Galicia atópase por debaixo da media española e ocupa as últimas oposicións respecto ó resto da comunidades autónomas. Segundo os datos do INE en 2004 atopábase na última posición en canto a vivendas que dispoñen de acceso a internet e ordenadores: o 80% da vivendas non dispoñen de acceso a internet e o 60% non teñen ordenador. Ante esta situación chama a atención que Galicia se atope tamén debaixo da media española se se toma como indicador o gasto en tecnoloxías da información por habitante da Administración autonómica.

Debido a esta posición de atraso, Galicia está exposta a un elevado risco de exclusión dixital e de marxinación da economía do coñecemento con consecuencias sociais e económica de gran alcance para o noso futuro.


Unha vez máis, resulta evidente a falta de capacidade de liderato político do Goberno do Partido Popular. Nin entendeu, nin asumiu a prioridade que a inserción na sociedade da información ten para o benestar cidadán e o desenvolvemento económico.

Hoxe resulta inaplazable o impulso decidido ás políticas que contribúan ó desenvolvemento da Sociedade da Información. Para isto necesítase en primeiro lugar unha vontade dedicada que nos permita alcanzar e superar o nivel medio de España e tamén da Unión Europea. O PSdeG-PSOE está decidido a cambiar esta situación de atraso para gañar o futuro. Fronte ás posición caducas plantexamos a innovación.



Obxectivos

• Xeneralizar o uso da novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) en tódolos ámbitos económicos e sociais para fomentar a mellora da competitividade e a produtividade e para incorporar ós cidadáns ás vantaxes derivadas da sociedade da información.

• Potenciar a formación e o coñecemento da Sociedade da Información por partes dos cidadáns e nas empresas, particularmente as Pemes.

• Mellorar o acceso a internet asegurando que os accesos en banda ancha cheguen a prezos razoables á práctica xeneralidade dos fogares e empresas nun prazo de catro anos, con independencia da súa radicación xeográfica en zonas rurais ou urbanas de Galicia.

• Incorporar as tecnoloxías da información ó sistema educativo e á práctica docente para mellorar a calidade da ensinanza e preparar á xente moza para desenvolverse sen problemas na nova sociedade da información.

• Desenvolver a administración electrónica para mellorar a xestión administrativa e a atención ós cidadáns. A finalidade deste obxectivo é o desenvolvemento e prestación dos servizos públicos a través de redes de comunicación electrónicas co fin de mellorar a relación e a comunicación entre as administracións, os cidadáns e as empresas. Ademais, o cidadán non ten porque ser o intermediario entre as diferentes administracións públicas. As TIC deben facilitar a conexión entre as diferentes administracións e a interoperatividade entre as unidades. Paralelamente, o desenvolvemento da administración electrónica debe ter un efecto dinamizador no conxunto da sociedade.

• Fomentar a incorporación das empresa, en especial as Pemes, na sociedade da información e no uso das TIC como vías de crecemento e mellora da competitividade.

• Configurar un entorno económico que incentive o investimento en capital físico, humano e tecnolóxico e impulse o espírito emprendedor.



Medidas

1. Elaborar e implantar un plano Estratéxico da Sociedade da Información en Galicia que nos permita alcanzar o nivel medio de desenvolvemento de España e dos países do noso entorno.


2. Concertar cos operadores de telecomunicación a extensión das redes de banda ancha para asegurar que alcanza á práctica totalidade dos cidadáns en catro anos, con independencia da súa situación xeográfica.

3. Establecer un plano de axudas á adquisición de ordenadores a fin de mellorar os niveis de penetración destes equipos.

4. Poñer en marcha un plano de iniciación ó uso de internet dirixido a tódolos cidadáns con risco de exclusión dixital. Poñer en marcha programas formativos dando a coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías para evitar que a falta de coñecemento sexa unha barreira que impida ós cidadáns beneficiarse da sociedade da información.

5. Desenvolver a administración electrónica xeneralizando o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións na Administración autonómica e poñendo en marcha a prestación dun conxunto de servizos relevantes a través da rede. Para iso, reconfiguraranse os procesos administrativos para orientalos ós cidadáns dende a perspectiva do acceso electrónico.


6. Aplicar as TIC na saúde pública a fin de mellorar a atención ós usuarios dos servizos da saúde mediante servizos en liña, así como para mellorar a eficiencia e a integración do sistema sanitario. Elaborarase un plano de acción para o estudo e a avaliación das seguintes medidas: cita médica, receita electrónica, servizos de telemedicina, e tarxeta sanitaria electrónica europea que faculte para recibir atención sanitaria en calquera país membro.

7. Levar a cabo medidas dirixidas a incorporar ás Pemes na sociedade da información, favorecendo o uso das Tic. Para elo impulsarase un conxunto de actuacións para mostrar as vantaxes que proporcionan as TIC e a forma de utilizalas. Ademais, incentivarase a adquisición de equipos e aplicacións destinados ó uso da banda ancha e á innovación.

8. Crear unha rede de información e asesoramento para as empresas en materia de innovación para promocionar o acceso ás axudas existentes con especial atención ás Pemes.

9. Implantar medidas de fomento á innovación a fin de apoiar proxectos tecnolóxicos e novas empresas. Ademais, apoiaranse políticas de financiamento que incentiven a aparición de capital risco, avais, microcréditos e préstamos a pequenas e medianas empresas.

10. Aumentar o recoñecemento e a remuneración da xente moza investigadora e mellorar a mobilidade e flexibilidade laboral para aumentar os vínculos entre investigación privada e a pública.

11. Incrementar o nivel de participación das entidades galegas en programas internacionais.

12. Situar ás universidades como un elemento esencial da SI, mellorando o seu nivel actual de interacción coa sociedade galega e establecemento da súa nova función na nova economía baseada no coñecemento.
« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 pํxeles