| Enerxía, competitividade e medio ambiente |
|
| Enerxía, competitividade e medio ambiente |
|
Os países máis avanzados e competitivos teñen na calidade e o custe de enrxía que consumen un factor de competitividade e calidade de vida.
Galicia é un país sen recursos enerxéticos endóxenos significativos e cunha importante capacidade transformadora de produtos enerxéticos, que posteriormente se exportan.
O consumo enerxético do tecido industrial galego representou no 2003 o
7,2% do total estatal cun sector industrial que ten menos peso no PIB que a media estatal e sendo o peso do PIB galego o 5,33% do estatal para ese mesmo ano, segundo datos do INE.
Ponse de manifesto que hai empresas que realizan en Galicia procesos produtivos de maior consumo enerxético, e a transformación final do produto faise fóra de Galicia.
Ademais, o menor tamaño medio das empresas industriais e o seu baixo contido tecnolóxico leva aparellada unha menor eficiencia no consumo enerxético.
En relación á distribución do consumo por tipos de enerxía, Galicia é a primeira comunidade autónoma en consumo de produtos petrolíferos e a penúltima en gas.
A enerxía é un factor imprescindible para a localización das actividades económicas e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Por iso, a política enerxética constitúe un factor clave para a mellora da calidade de vida dos cidadáns, para a mellora da produtividade das empresas galegas e, polo tanto, da competitividade do país e para a conservación e mellora do medio ambiente.
É necesario un cambio total porque a política enerxética actual na Xunta de Galicia está caracterizada pola desidia xeral e falta de transparencia na xestión económica. Estanse a conceder subvencións de forma opaca e clientelar en axudas e subvencións encamiñadas á mellora da infraestrutura enerxética de Galicia, na promoción das enerxías renovables e no fomento da I+D+i en materia enerxética.
Atopámonos nunha situación económica na que os prezos dos combustibles se encarecen continuamente, e isto agrávase porque os recursos en combustibles tradicionais en Galicia (petróleo, gas natural e carbón) son escasos e de baixa calidade. Isto é un motivo suficiente para que o sector enerxético empece a ser estratéxico en Galicia e debe empezar a ser un dos temas prioritarios no próximo goberno.
No ano 2000 editouse o Libro Branco da Enerxía en Galicia, marcando os obxectivos para o ano 2010; nestes cinco anos a situación enerxética mudou moito, en especial pola subida nos prezos dos combustibles e pola restricción en canto á emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, é necesaria a elaboración dun novo Libro Branco que actualice o publicado en 2000.
Galicia é unha comunidade privilexiada en canto ós seus recursos enerxéticos renovables. Temos excelentes emprazamentos para o aproveitamento da enerxía eólica, unha pluviometría que favorece o aproveitamento da enerxía hidráulica, un recurso solar por riba da media europea (aínda que algo baixo en relación coa media española) e un alto potencial de aproveitamento da biomasa.
Por iso, o obxectivo xeral da política enerxética debe ser construír un modelo eficiente, diversificado, menos contaminante e máis solidario socialmente. Sendo un dos elementos fundamentais para a consecución deste obxectivo é o fomento do aforro enerxético e das fontes enerxéticas renovables e de tecnoloxías enerxéticas avanzadas.
Obxectivos
• Diminución e eficiencia no consumo enerxético.
• Fomento das fontes enerxéticas renovables.
• Mellora da calidade do servizo de subministro de enerxía.
Medidas
1. Plan de infraestruturas gasísticas, para consolidar e desenvolver as infraestruturas gasísticas interiores.
2. Plan de infraestruturas eléctricas, para a ampliación das infraestruturas básicas, as de distribución da electricidade e mellorar a calidade do servizo.
3. Plan de aforro enerxético, no sector privado e público:
No sector industrial promoverase a mellora tecnolóxica nos procesos de produción, aumentaranse as dotacións económicas para subvencións e axudas nos procesos de mellora da eficiencia enerxética que minimice o consumo de enerxía primaria.
4. Realización dunha auditoría enerxética anual de todas a Xunta de Galicia, incluíndo en todos os edificios dependentes das Consellerías, Presidencia da Xunta e Organismos Autónomos e nas empresas por enriba de cincuenta traballadores. Fomento do transporte público urbano e interurbano por autobús.
5. Fomento do ferrocarril como transporte público entre cidades.
6. Inclusión nos pregos de condicións de criterios de baixo consumo enerxético en novas edificacións oficiais en canto a illamentos térmicos.
7. Obrigatoriedade de realizar un estudo de optimización enerxética en edificios de nova construción por parte de profesionais con competencias específicas. Difusión a profesionais dos criterios de optimización enerxética en vivendas (promotores, arquitectos, aparelladores...).
8. Creación dun «Observatorio Enerxético Galego»: Este Observatorio será de carácter independente e realizará o estudo obxectivo do estado anual da enerxía en Galicia emitindo informes públicos, completos e transparentes dos consumos de enerxía, importacións, empregos, localización destes, dependencia enerxética do exterior, grado de coñecemento das tecnoloxías e fontes de enerxía, impactos económicos asociados...
9. Peche do «Ciclo do Vento en Galicia»: Promoverase que os beneficios económicos da enerxía eólica permanezan en Galicia. Para isto primarase nas novas autorizacións que os compoñentes sexan galegos
10 Desenvolvemento da enerxía solar térmica e fotovoltaica como fonte de enerxía.
11. Fomento de centrais de coxeración utilizando combustible de biomasa (desbroce forestal e arbustos procedentes da limpeza de montes e subprodutos de aserradoiros).
12. Fomento de Ciclo Combinado, para reemprazar a enerxía procedente das centrais térmicas.
13. Implantación dun sistema de formación integral en enerxías renovables a tódolos niveis.
14. Programa de I+D+I das Enerxías Renovables. En particular, considerase prioritario a investigación no campo das enerxías do mar.
15. Mellora da formación en enerxías renovables no sector educativo. En particular, considerase oportuna a creación de titulacións específicas en enerxías renovables para a formación de profesionais que poidan cubrir a oferta de traballo do sector.
16. Fomento do aproveitamento da biomasa forestal tendo en conta os beneficios que ten asociados en termos de redución dos riscos de incendios, creación de postos de traballo e promoción do desenvolvemento rural.
17. Aproveitamento dos denominados biocarburantes.
|
|
| « Volver |
|
|
|
|
|