| A nosa cultura, o noso país |
|
| A cultura: activo de futuro |
|
A cultura está chamada a ser un dos grandes activos da Galicia do futuro, pero o gran potencial patrimonial e cultural de Galicia non tivo oportunidade de realizarse e manifestarse en todo o seu vigor durante os tres lustros de goberno do Partido Popular. Unha mesquiña idea da cultura, concibida sobre todo como propaganda ocasional e espectáculo mediático, camiñou da man cunha forte desconfianza cara aos creadores, tanto no que se refire á calidade e pertinencia do seu traballo como á libre expresión das súas actitudes en relación co poder político e as convencións sociais. A política cultural dos sucesivos e distintos gobernos de Fraga Iribarne caracterizouse pola súa desmotivadora ausencia de obxectivos e directrices, o que conlevou o malbarate de moitos recursos e o mantemento en precarias condicións de subsistencia das industrias culturais galegas.
O PSdeG-PSOE proponlle á cidadanía unha visión distinta da política cultural, que terá como base os seguintes grandes eixos:
Liberdade. Os creadores e os distintos sectores culturais desenvolverán o seu traballo nun clima de máxima liberdade, sen censuras explícitas nin implícitas, sen medo a coaccións, chantaxes nin represalias. O PSdeGPSOE comprométese a promover medidas que garantan a liberdade de información, expresión e crítica, así como a establecer marcos normativos rexidos por criterios de pluralismo, transparencia e participación.
Diversidade. Galicia debe incorporarse plenamente ao novo proxecto da España plural, e a súa cultura, ata agora pouco dimensionada no conxunto de España e de Europa, debe ter unha maior presenza e difusión, establecendo un diálogo e un intercambio permanente coas diversas manifestacións da cultura española e europea. A diversidade cultural ten tamén unha tradución interna. E da mesma maneira que apostamos pola cultura expresada en lingua galega como imprescindible sinal de identidade comunitaria, consideramos tamén a vehiculada en castelán como un patrimonio propio enriquecedor do conxunto.
Cooperación. O Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE proponlle á sociedade galega un Pacto pola Cultura no que deben participar as diferentes administracións, os diversos axentes e sectores culturais do país, públicos e privados, e mesmo institucións e organismos con competencias no ámbito estatal e europeo. Baseado no diálogo e na interlocución permamente, o Pacto pola Cultura implicará ás empresas privadas no mecenado cultural, determinará obxectivos, medios de acción e programas e, fronte á fragmentación e descoordinación actual, intentará mobilizar intelixencias, enerxías e recursos de xeito coordinado e racional.
Cidadanía. Os socialistas galegos apoiaremos decididamente a elaboración dun Mapa Cultural de Galicia e dun plano de Infraestruturas Culturais que permitan coñecer os nosos recursos e carencias e actuar en consecuencia, sempre co obxectivo de extender a cultura ao conxunto da cidadanía e de poñer en valor a nosa riqueza patrimonial e creativa. Trátase de crear un tecido cultural descentralizado que actúe tamén como elemento de corrección dos desequilibrios territoriais, que incentive a participación e que faga da cultura un feito cotián non unicamente baseado na recepción e consumo de produtos culturais, senón tamén na súa creación e produción. A democratización plena do feito cultural debe ser un poderoso instrumento para a cohesión social e mesmo territorial do país.
Creación de riqueza. A cultura, máis alá da súa condición de ámbito privilexiado para a expresión simbólica dos individuos e as comunidades, é tamén un sector de alto potencial económico, xerador de emprego e riqueza. Nesta dirección, o Partido Socialista levará a cabo unha acción de goberno tendente a afortalar as industrias culturais, a robustecer a súa dimensión económica e a optimizar os procesos de formación, produción, distribución, difusión e comercialización cultural.
Internacionalización. Consonte co devandito, a cultura galega deberá asumir nos vindeiros anos o reto da súa internacionalización. Trátase de ubicar no mundo unha cultura con personalidade propia a través de programas de difusión e produtos de gran calidade técnica e moi alto valor simbólico, capaces de falarlle ao mundo dende unha perspectiva especí.ca e particular. O Instituto «Rosalía de Castro» de Cooperación Cultural, que creará o novo goberno, será o instrumento axeitado para vehicular a presenza de Galicia no exterior, principalmente naqueles lugares de Europa e América que foron destinos preferentes da nosa emigración. O Instituto «Rosalía de Castro», en colaboración co Instituto Cervantes, ocuparase de difundir e promover o coñecemento da lingua e da cultura galegas, así como de colaborar activamente coas entidades e asociacións galegas do exterior e de recuperar e conservar o rico patrimonio material e inmaterial creado ao longo do tempo pola Galicia emigrante.
Mecenado: Co obxectivo de afortalar as relacións entre sociedade civil, institucións non lucrativas, fundacións culturais e empresas, o novo goberno creará un novo marco normativo que reoriente o chamado 1% cultural, reforce os incentivos .scais ao mecenado, e estableza novas vías de colaboración entre os diferentes axentes sociais mediante unha Lei do Mecenado de Galicia.
Unha das consecuencias máis graves da falta de dirección e obxectivos da política cultural do Partido Popular foi o lanzamento de grandes e custosísimas operacións de imaxe, como a Cidade da Cultura, e a reconversión doutras, como o Xacobeo, nunha suma inorgánica de eventos incapaces de dinamizar a cultura e o sector turístico e de poñer unhas bases sólidas para o seu ulterior desenvolvemento.
A Cidade da Cultura, un proxecto de cuxos custes non son capaces de informar nin sequera os seus máis directos responsables, exemplifica como ningún outro a irresponsabilidade dunha política cultural faraónica e virada case en exclusiva cara á propaganda. O Partido Socialista considera que o novo goberno da Xunta estará aínda a tempo de rede.nir este proxecto, racionalizando os seus investimentos e redeseñando os seus actuais contidos, froito da improvisación e da falta dunha reflexión minimamente seria, de xeito que respondan ás necesidades culturais, educativas e turísticas da sociedade galega.
O Xacobeo ten a súa orixe na idea lanzada no seu día dende o Concello de Santiago de Compostela para a posta en valor do Camiño de Santiago e o seu relanzamento como ruta cultural e espiritual capaz de simbolizar a unidade europea e de reafirmar o vencello histórico de Galicia e Europa. Pero durante os sucesivos gobernos de Fraga Iribarne, o Xacobeo foi despoxándose deste espírito inicial para acabar converténdose nunha programación de festexos e exposicións de dubidoso interese e calidade, nun re.exo da confusión entre cultura e propaganda, entre cantidade e calidade que presidiu a acción cultural da Xunta de Galicia durante o mandato do Partido Popular. O fracaso cultural foi acompañado tamén dun desaproveitamento do potencial do Xacobeo para un cabal desenvolvemento turístico de Galicia. O Partido Socialista está convencido de que o Xacobeo pode e debe converterse nun elemento fundamental para a dinamización cultural e turística de Galicia, así como nun espazo privilexiado
para a relación de Galicia coas culturas europeas e nunha plataforma para a proxección de Galicia no mundo.
En canto ao Consello da Cultura Galega, afortalaremos o seu carácter de organismo consultivo e foro libre para o debate e a reflexión sobre os problemas da cultura en Galicia e no mundo. As iniciativas do goberno socialista en relación co Consello da Cultura irán na dirección de ampliar a súa base representativa e na de garantir e reforzar a súa liberdade e a súa independencia.
|
|
| « Volver |
|
|
|
|
|