A actividade comercial é un bo indicador do progreso dun país e da calidade de vida das persoas, xa que como mecanismo de intermediación entre a produción e o consumo proveenos de bens e servizos.
O comercio representa un subsector estratéxico por contribuír nun 12% ó valor engadido bruto de Galicia e nun 16% á creación de emprego, maiormente feminino.
Por outra parte, é o substrato da Galicia emprendedora e facilita a vertebración de pobos e cidades, especialmente nas zonas rurais e dispersas.
Por isto, no marco dunha nova estratexia de desenvolvemento económico para Galicia, un dos retos da converxencia, con Europa e con España, consiste en mellorar e incrementar a actividade comercial galega.
Unha actividade que, hoxe en día, presenta unha taxa de crecemento da metade que en España e un peso específico dous puntos inferior.
Polo tanto é preciso o seguimento da súa evolución, por mor das consecuencias que se derivan no ámbito social e económico, xa que esta actividade, inmersa na economía globalizada, está experimentando grandes transformacións na súa estrutura, coa aparición de novos formatos e novos hábitos de compra, que poñen en perigo o comercio tradicional galego.
Pero o Goberno galego, a pesar de contar con competencias plenas, non abordou a ordenación nin a planificación do comercio interior, levándonos a actual situación de incerteza e de eivas estruturais, que condicionan o desenvolvemento da actividade comercial.
O compromiso socialista cun tecido comercial galego, moderno, profesionalizado e competitivo, lévanos a impulsar actuacións para equilibrar os factores que hoxendía dificultan o seu desenvolvemento como son:
Os déficits en materia de infraestruturas de comunicación e de implantación das TIC.
Os problemas de microlocalización e de xestión de compras para desenvolver economías de escala.
Os baleiros na formación comercial.
A atomización empresarial, consecuencia da dispersión poboacional.
A concentración da demanda nas provincias máis poboadas, Coruña e
Pontevedra, por mor do retroceso poboacional, do 2,5%, fronte ó aumento do
10% en España.
Unha renda familiar bruta dispoñible per cápita, 14 puntos inferior á media nacional, non de balde somos a 5ª comunidade con menor renda.
Unha menor capacidade de gasto, 10% inferior á de España, que se concentra en bens básicos e reduce o consumo, pois máis da metade das familias galegas teñen dificultades para chegar a fin de mes.
Por isto, os socialistas asumimos, nun novo tempo para Galicia, a prioridade de ordenar o comercio interior galego, xa que en ningún outro sector, como no da distribución comercial, coexisten con tanta claridade os grandes e pequenos operadores.
Así, nun mesmo espazo actúan empresas multinacionais, pequenas, medianas e familiares e incluso unipersonais, é dicir autónomos.
E queremos abordar o comercio, dende a concertación coas partes afectadas, nun diálogo estable e permanente con tódolos axentes comerciais, as asociacións de empresarios e cámaras de comercio, os axentes sociais e os propios concellos pola súa repercusión na ordenación urbanística, como base de toda actuación.
Un comercio galego ordenado, cunha relación equilibrada nos formatos de distribución, para evitar incertezas e situacións de predominio no mercado que dificultan a competencia e contribúen a incrementar a inflación, prexudicando a provedores e consumidores na fixación de prezos, e que evite a desaparición do comercio tradicional.
Todo isto configura o compromiso socialista cun modelo de comercio, moderno, profesionalizado, competitivo, con redes de cooperación intercomercial, respectuoso cos dereitos dos consumidores e coas condicións de competencia.
Un novo goberno que analice as necesidades do sector, sen arbitrariedade na implantación das áreas comerciais, nin prexudicar ó pequeno comercio, nin a cantidade e calidade do emprego.
Obxectivos
Defini-lo modelo de comercio da nosa comunidade, para evitala incerteza e a arbitrariedade.
Garantir que o consumidor teña, de xeito ordenado e equilibrado, unha oferta comercial ampla e de calidade.
Regular os horarios comerciais, facéndoos compatibles coa vida familiar e laboral, xa que maior horario non é sinónimo de maiores vendas, nin de mellor emprego, nin de máis produtividade.
Organizar ordenada e equilibradamente os formatos comerciais de xeito que posibilite a súa compatibilidade cos valores sociais que representa o pequeno comercio.
Facilitar ó pequeno comercio os instrumentos e apoio necesario para a súa modernización, fortalecendo a súa capacidade competitiva.
Mellorar a capacidade loxística do pequeno comercio e reequilibrar as condicións da competencia.
Incentiva-lo asociacionismo comercial.
Moderniza-lo comercio rural e revitalizar a actividade comercial das cidades.
Mellora e sostenibilidade do comercio ambulante, cunha regulación e inspección eficaz que, dende a colaboración cos concellos, permita o seu desenvolvemento, con garantías para os consumidores e no marco dunha competencia leal.
Colaborar cos municipios no desenvolvemento ordenado do comercio.
Promover no comercio, a utilización das novas tecnoloxías da información e o coñecemento.
Mellorar a formación do persoal do comercio, para a adopción de novas formas e métodos de xestión e o incremento da produtividade.
Estimular as melloras organizativas e de xestión, para ter capacidade de reacción ante os novos formatos comerciais emerxentes.
Impulsa-la revitalización urbanístico comercial dos centros históricos urbanos.
Potenciar a relación entre comercio e turismo con produtos propios e especializados.
Dinamizar os recintos feirais galegos.
Posibilitar a máis ampla participación do sector comercial na elaboración de estratexias e políticas comerciais.
Medidas
1. Lei de Ordenación do Comercio de Galicia, que afronte a planificación do comercio galego dende as necesidades e retos actuais, coa regulación de horarios, a implantación de novos formatos, a sustentabilidade do comercio ambulante, a colaboración cos concellos e a inspección comercial.
2. Atlas Comercial de Galicia, que reflicta as necesidades comerciais de Galicia, planifique as instalacións comerciais e oriente as estratexias de actuación. Este atlas contemplará o grao de concentración empresarial, as demandas da poboación, as superficies dos establecementos, as distancias entre centros comerciais e a súa facturación anual, para evitar o monopolio na cota de mercado e a asfixia do pequeno comercio.
3. Creación do consello Galego de Comercio con representación equilibrada dos axentes económicos e sociais vencellados á actividade comercial e das administracións implicadas, co obxecto de participar na definición das políticas en materia de comercio.
4. Establecemento do Observatorio do Comercio galego, que faga un seguimento permanente do sector.
5. Elaboración dun Plano Integral de Fomento do Comercio galego, dirixido a tres aspectos fundamentais:
En primeiro lugar o fortalecemento da actividade comercial urbana e rural, modernizando os mercados, dinamizando os recintos feirais, apoiando os centros comerciais abertos e os eixes comerciais e cooperando cos concellos con liñas de axudas para a revitalización urbanística comercial.
En segundo lugar o fomento do asociacionismo e a cooperación comercial, coa creación de centrais de compras que xeren economías de escala, coa implantación de redes informáticas e loxísticas, impulsando o uso das TIC como factor da modernización do sector comercial.
En terceiro lugar o impulso da formación do persoal e da calidade dos establecementos para mellorala produtividade.
6. Elaboración dun Plano Galego de Formación Comercial.
7. Establecemento de Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación ( PAIT), para a creación telemática de sociedades que permitan simplifíca-los trámites.
8. Establecemento de bonificacións, para eliminalas barreiras financeiras da implantación de novas PEMES.
9. Creación dun rexistro de vendedores en prazas de abastos.
10. Creación dunha rede de técnicos locais e comarcais de comercio nas distintas cidades e comarcas galegas, en cooperación cos municipios e entidades provinciais como medio de apoio e dinamización do sector no territorio.
11. Impulsar a elaboración de planos municipais e comarcais de ordenación comercial a través dun programa de apoio técnico e financeiro específico, tanto no seu deseño como na súa implantación.
|