Dous teñen sido os rasgos destacados na actuación da Xunta de Galicia en relación cos poderes locais. En primeiro lugar, o uso e abuso da relación clientelar como norma de comportamento. Os fondos públicos autonómicos asígnanse a concellos amigos de xeito discrecional, favorecendo de xeito sesgado a uns cidadáns fronte a outros, facendo dependentes e débiles ós concellos receptores e impedindo a adopción de políticas autónomas nos restantes.
O despilfarro de recursos públicos que se provoca, a falta de equidade que xenera e a perversión moral e política da relación entre administracións e cos cidadáns ten sido dunha magnitude dificilmente superable. Unha administración local presionada polos seus cidadáns para prestar máis e mellores servizos (moitos deles de competencia autonómica), nunha situación de insuficiencia financeira crónica, dificilmente pode atender con calidade esas demandas
crecentes.
En segundo lugar, a desconfianza da Xunta de Galicia en relación ós poderes locais, que se desexan sumisos e dependentes e, sobre todo no caso das cidades, témense como competidores eficaces. Como consecuencia de esta actitude, e pese ás ambicións proclamadas, non se desenvolve o Pacto Local nin outros instrumentos estables de cooperación; incúmplense as previsións normativas da Lei de Administración Local de Galicia e non se apresenta no Parlamento a Lei de Facendas Locais de Galicia, que permitiría obxectivar as relacións entre Xunta e Concellos neste ámbito; o Fondo Galego de Cooperación Local ten aínda unha importancia moi limitada para garantir a suficiencia financieira da administración local.
Por outra parte, é constatable o fracaso do modelo de organización do territorio: a comarcalización ten servido unicamente para un novo avance na burocratización, sen atender ós problemas dos cidadáns.
Obxectivos
Un novo modelo de relacións interadministrativas baseado no respeto, a confianza e a lealdade.
O reforzamento das competencias e as capacidades do goberno local para atender mellor ós cidadáns. A valorización da proximidade. A aplicación do principio de subsidiariedade.
A potenciación da cooperación intermunicipal e interadministrativa para a prestación de servizos comúns.
Dotar ós gobernos locais de máis recursos, de xeito transparente e equitativo, estimulando os comportamentos fiscalmente responsables. Eliminar a discrecionalidade clientelar, atendendo ó tempo ás heteroxéneas situacións municipais.
A consolidación dun sistema de polos de referencia (as sete áreas urbanas e as cabeceiras rexionais precisas) para a descentralización administrativa (Xunta, Deputacións) que garanta o acceso dos cidadáns ós servizos.
A modernización da administración local e o fomento da eficacia e a calidade.
Medidas
1. Unha nova Lei de Administración Local de Galicia, cos seguintes obxectivos básicos:
Configurar o ámbito de competencias especificamente local, que a comunidade autónoma non poderá alterar sin modificar esta Lei, para facer efectivo o principio de proximidade.
Tomar en consideración as peculiaridades da administración local galega e a súa heteroxeneidade.
Regular os instrumentos de coordinación, cooperación e colaboración interadministrativa.
Garantir a coerencia co modelo de organización territorial.
2. Regular o estatuto do Veciño, os dereitos dos grupos opositores e o estatuto do concelleiro.
3. A creación do Consello de Administración Local de Galicia, con participación de concellos, deputacións e Xunta de Galicia, como espazo permanente de colaboración, consulta e discusión.
No seo deste Consello crearase unha Conferencia Galega de Cidades, órgano de cooperación entre éstas e o Goberno Galego. Reforzarase o papel da Federación Galega de Municipios e Provincias.
4. No marco dunha Escola Galega de Administración Pública activada, tomará forma un Centro de Recursos para a Administración Local, como lugar de encontro e cooperación para a formación de funcionarios locais, foro permanente de intercambio de prácticas e experiencias, desenvolvemento de sistemas e programas de modernización etc., que funcionará en colaboración coas entidades xa existentes en diversos ámbitos (INAPE, Deputacións, FEGAMP, Colexios Profesionais, Concellos, etc.). Desenvolverá unha política de selección e difusión de boas prácticas municipais.
5. En colaboración coa Axencia de Avaliación de Calidade e Políticas Públicas impulsarase a adopción de prácticas de calidade no ámbito local así como todos os instrumentos que permita coñecer a eficacia e eficiencia do uso dos recursos públicos no ámbito local así como o nivel de satisfacción dos cidadáns, no camiño da creación dunha axencia galega específica.
6. A promulgación dunha Lei de Facendas Locais de Galicia, para concretar os principios de transparencia e equidade na asignación de fondos públicos.
Garantir a suficiencia, desenvolvendo a previsión normativa sobre participación municipal en tributos da Comunidade Autónoma e establecendo os criterios de financiación para as transferencias competenciais a favor dos entes locais.
Integrar nos criterios de distribución elementos de equidade e niveladores (dispersión da poboación, nivel de cobertura dos servizos, etc.)
Favorecer a progresiva converxencia do nivel de esforzo fiscal dos concellos pequenos e medianos cos comparables noutras comunidades autónomas, para favorecer a súa autonomía e suficiencia fiscal.
Incentivar fiscalmente a creación de mancomunidades de servizos
7. A Xunta de Galicia impulsará decididamente o Pacto Local: determinará as competencias susceptibles de ser prestadas polas entidades locais e os servizos que éstas poden xestionar en mellores condicións, previa consulta ás administracións locais concernidas; a proposta, que contemplará como mínimo o que hoxe xa xestionan en condicións precarias os mayores concellos, deberá incluír fórmula de cesión, calendario, condicións e recursos, e será sometida finalmente ó Parlamento de Galicia. Asimesmo, cando sexa necesario, modificarase a normativa autonómica que limita ou invade competencias municipais.
8. A transferencia de servizos e competencias ós concellos e entidades mancomunadas con capacidade de xestión, deberá garantir o seu financiamento suficiente e estable, cun índice de evolución similar ó dos tributos autonómicos, así como os fondos de investimento de se detectar déficit de infraestruturas.
9. A Xunta de Galicia impulsará a capacidade de actuación dos gobernos locais en áreas novas que son sen embargo un compromiso ineludible nos próximos tempos:
Plans de rexeneración e rehabilitación integral de barrios e espazos urbanos degradados, sobre todo nas áreas metropolitanas.
Plans de reforzo dos servizos públicos e outras prestacións básicas para os concellos cunha porcentaxe elevada de inmigrantes e emigrantes retornados.
Plans de accesibilidade ós servizos básicos nas áreas rurais en perigo de despoboamento, que combinen a aproximación dos servizos autonómicos, o reforzo das capacidades locais e a integración en redes.
Plans de mobilidade pública nas áreas urbanas que, a partir dos actuais acordos en materia de transporte, permitan constituír sistemas públicos de transporte, integrados, de baixas tarifas e dirixidos por un Consorcio.
10. A Xunta de Galicia facilitará, mediante os cambios na nova Lei de Administración Local de Galicia, e incentivará as experiencias de colaboración intermunicipal para a prestación de servizos ós cidadáns, a través de fórmulas diversas (Mancomunidades, Áreas metropolitanas, Consorcios). Fomentarase a presenza das Deputacións Provinciais para favorecer o compromiso dos pequenos e medianos concellos.
11. As Deputacións Provinciais deben ser materia de reflexión para precisar o seu papel no entramado institucional. Desde a Xunta de Galicia pódese cooperar neste proceso de redefinición, que debe ter lugar en varias direccións:
A potenciación do seu papel como institucións prestatarias de servizos de asistencia e apoio ós concellos, xogando un papel supletorio das capacidades municipais, nos ámbitos económico, xurídico e técnico.
As Deputacións deben transformarse nun auténtico Consello Xeral dos concellos da provincia.
A coordenación coas administracións locais do seu ámbito e a administración autonómica para a configuración de redes temáticas ou especializadas que aumenten a eficacia no uso dos recursos e permitan atender mellor ós cidadáns.
A descentralización das Deputacións, configurando polos de prestacións de servizos nas áreas urbanas e cabeceiras rexionais, de ser o caso.
Un novo deseño dos Plans Provinciais, para integrar o papel da Comunidade Autónoma, favorecer o equilibrio territorial do investimento así como a autonomía local, garantindo ademáis un uso equitativo e transparente dos recursos públicos. Este novo deseño debe reflexarse na Lei de Facendas Locais de Galicia.
12. A Administración Autonómica debe actuar tamén como administración local supletoria en última instancia:
. O apoio a concellos con necesidades específicas (turismo, inmigración, despoboamento,...), situadas en ámbitos de competencia autonómica.
A colaboración cos concellos e a própria administración provincial para garantir a capacidade dos concellos no desenvolvemento das competencias próprias ou asumidas. Crearase un servizo específico para atención ós concellos. Estudarase a colaboración da administración autonómica coa central na renovación catastral.
Impulsarase a modernización da administración local, por medio de Un Plan Autonómico para a aplicación das Novas Tecnoloxías da Información nos Servizos Públicos Locais.
Un Plan de Formación de funcionarios e electos, desenvolto polo Centro de Recursos
Un Plan de Simplificación e Racionalización de Procedementos administrativos, que inventaríe, modelice, estandarice e informatice os procedementos.
Un Plan de integración das bases de datos que optimice o funcionamento das administracións e reduza os requerimentos solicitados ós cidadáns.
|