Nos últimos catro anos, a vida democrática en Galicia segue a padecer un preocupante deterioro, propiciado pola política arrogante, opaca e autoritaria dos gobernos populares, o acaparamento estratéxico de esferas de poder, e a práctica do clientelismo político que, como o orballo vai penetrando paseniño na pel da sociedade.
O Goberno do PP pon a política o servizo de intereses partidarios; coloniza os medios de comunicación públicos; ocupa institucións propias da sociedade civil, despreza o diálogo e manca o funcionamento do Parlamento.
O Partido Popular gosta dun poder personalista e escuro, por iso ten sido un atranco permanente a vocación de centralidade que ten o Parlamento, sede da soberanía popular, no sistema político galego, acudindo a un uso torticeiro do Regulamento da Cámara e negándose de cotío a introducir reformas inaprazables.
Pola contra, cando os socialistas galegos falamos de calidade democrática estamos a pensar nunha democracia participativa e deliberativa, isto é, unha democracia que reivindica para sí mesma o papel da opinión pública na adopción das decisións colectivas e, polo tanto, tamén nos procesos de creación das normas xurídicas.
Só, deste xeito, se poden acadar cidadáns responsables e críticos, que posúen coñecemento e competencia para debateren e adoptaren decisións sobre asuntos esenciais da convivencia colectiva.
Galicia ten hoxe un profundo valeiro de calidade democrática, segundo amosan tristemente uns baixos índices de compromiso cívico. Os cidadáns só actúan ante situacións de flagrante abandono da Xunta, coma aconteceu no caso da catástrofe do Prestige.
A lexitimidade institucional das institucións galegas está baixo mínimos, e en recentes sondaxes e estudos de opinión ponse de manifesto o descontento dos galegos co funcionamento da súas institucións de autogoberno.
Debilidade e descrédito democrático, favorecido pola utilización partidista do aparello político e institucional, víctima dun uso arbitrario e discrecional, polo xogo do poder no curto prazo, e polo reparto clientelar, mediante axudas e subvencións, dos recursos e fondos públicos.
Estamos diante dunha Xunta de Galicia que ven gobernando de costas ós cidadáns e que procura supera-lo seu aillamento da cidadanía acudindo a unha utilización propagandística dos medios de comunicación públicos, trocados en impropios altofalantes ó servizo de prácticas interesadas.
Chegamos, así, as portas do século XXI cunha Galiza na que atopamos unha escasa implicación cidadá nos asuntos públicos, un Parlamento e uns medios de comunicación públicos sometidos por enteiro ó Goberno do Partido Popular, e un sistema político adormecido, que nos conduce á anomia parlamentaria, institucional e social, coa correspondente diminución do desenvolvemento do capital social galego.
Así as cousas, o facer nosa a idea de calidade democrática, os socialistas galegos propoñémonos recuperar a transparencia na vida pública e dispor un sistema de diálogo institucional, democratizando os medios de comunicación públicos, garantindo a súa pluralidade e independencia, e achegando a tódolos galegos, sen discriminación, un goberno de Galicia para Galicia no que todos poidamos considerarnos partícipes das políticas públicas que se desenvolvan cara o ben común.
Apostamos, por todo iso, por un sistema de gobernanza multinivel que, superando as vellas fórmulas xerárquicas, xenere valores engadidos e posibilite unha Galicia que, traballando en rede, poida producir códigos compartidos de boas prácticas administrativas e de goberno que sexan o limiar dunha nova ética da vida pública.
En resumo, tres son os eidos nos que tentamos recuperar a calidade democrática do sistema político da Galicia: o do Parlamento; o dos medios de comunicación e o da participación cidadá.
|