Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
Deportes
Deportes
Partimos de unha concepción do deporte como factor cultural e elemento indispensable na mellora da calidade de vida dos cidadáns e cidadás, entendendo que, na actual sociedade, constitúe un elemento importante no Estado de Benestar. Asumimos a Carta Europea do Deporte (1992) que define o deporte como "todo tipo de actividades físicas que, mediante unha participación, organizada ou de outro tipo, teñan por finalidade a expresión ou a mellora da condición física e psíquica, o desenvolvemento das relacións sociais ou o logro e resultados en competicións de todos os niveis".

O PSdeG-PSOE quere realizar, dende a Xunta de Galicia, unha política deportiva que teña como finalidade a recuperación do sentido humanista e educativo do deporte. Cremos necesario elaborar, coa participación de todos os axentes, institucións e estamentos afectados, un plano ESTRATÉXICO DO DEPORTE GALEGO, como instrumento de goberno e xestión.

Actualmente, na Comunidade Galega, o deporte amosa deficiencias que non lle permitiron evolucionar e progresar do mesmo xeito que o viñeron facendo outras comunidades que, programando e desenvolvendo planos estratéxicos acordes cos colectivos inmersos na práctica deportiva, acadaron un desenvolvemento do deporte, nos seus diferentes ámbitos.

Ao noso entender, a falta de un ordeamento xurídico-deportivo axeitado á realidade galega, supón un retraso no desenvolvemento do deporte galego, cun funcionamento baseado en "parches", existindo unha lei do deporte desde
1997, sen desenvolver regulamentariamente, ademais de ser unha norma intervencionista que non acomete dunha maneira rigorosa a ordenación do sistema deportivo galego.

A situación de elemento decorativo da asignatura de Educación Física no sistema educativo engade un factor negativo máis, que podendo incidir positiviamente, na saúde dos rapaces, termina convertíndose nunha materia estéril.

Deporte para todos

O ámbito do Deporte Para Todos foi impulsado desde o Consello de Europa, xa en 1966, coa finalidade de que tódolos cidadáns e cidadás tivesen o direito a facer deporte sen ningún tipo de discriminación. Foron os primeiros concellos democráticos quen enarbolaron esta bandeira, ás veces, en estreita colaboración co asociacionismo. Cabe sinalar que este esforzo non se viu acompañado da axuda necesaria por parte do Goberno galego, preocupado máis polo espectáculo que en apoiar verdadeiramente ó deporte, como práctica de tempo libre e como adestramento de rendemento e alto nivel.

A vía do deporte escolar deberá supoñer a materialización do Deporte Para Todos. Asimesmo debería potenciarse o deporte universitario, actualmente con moitos atrancos, e salvar as barreiras que teñen os discapacitados, os maiores e os inmigrantes, aínda en peor situación.



Deporte federado e de alto nivel

As federación deportivas constitúen a base do modelo de organización tradicional do deporte de competición por antonomasia, na maioría das veces, pensado máis en termos de rendemento que de recreación e ocupación do tempo libre.

Sen dúbida, a competición é un feito co que hai que convivir, podendo ser encauzada para educar e, deste xeito, o deporte de competición pode servir como ferramenta útil, ó darse unha serie de valores que son transferibles á vida cotidiá como o respeto os regulamentos, normas e reglas, ós adversarios, acadar o triunfo mediante o esforzo, saber gañar e perder.

En liñas xerais e, salvando excepcións, o deporte federado galego, ven descendendo de xeito alarmante nos derradeiros anos, tanto en cantidade como en calidade, polo escaso apoio e recursos que reciben as federacións, acompañado ó mesmo tempo, dunha desidia da Administración deportiva galega que non amosa ningunha preocupación pola xestión e resultados das mesmas.

Sen recursos e sen planos, os deportistas galegos de alto nivel, foron e seguen a ser froito da casualidade e, en todo caso, do esforzo do sector do deporte.



Deporte profesional

O deporte profesional é unha realidade que debe vivir dos recursos propios, sen que os poderes públicos teñan que verse obrigados a financiar economicamente o seu desenvolvemento. As políticas de virar os recursos públicos cara ó deporte profesional, supoñen un gran problema para o resto dos ámbitos deportivos, polo que debe impedirse que os sempre insuficientes recursos recalen no deporte profesional e de espectáculo.




Infraestructura deportiva galega

Se é certo que o Goberno galego realizou algunhas grandes inversións para infraestrutura deportiva, estas fixéronse sen a referencia necesaria de un plano acordado cos concellos e as asociación deportivas galegas, o que depara unha rede de instalacións públicas, desequilibrada territorialmente e mal aproveitada social e deportivamente.

Moitas instalacións municipais, construídas con diñeiro público, unha vez inauguradas estráganse ou, incluso, péchanse por falta de persoal e mantemento. Inaugúranse instalacións sen esixir unha contrapartida de compromiso de dotación de material, persoal para dinamizala e mantemento.

A infraestructura deportiva segue sendo a principal das barreiras que impiden ós galegos a práctica deportiva do seu interese, máis acuciante nos pobos rurais que nas urbes o que segue a dificultar o desenvolvemento do Deporte Para Todos. Mentres que pola outra banda, a infraestrutura para a tecnificación e a calidade deportiva é moi deficiente, nunhas modalidades máis que noutras.

Apostamos de igual xeito polos deportes relacionados co mundo do motor, e establecemos un claro compromiso de impulso do proxecto de creación do Circuito Galego de Velocidade, dando resposta a unha demanda reiterada polas entidades e federacións deportivas galegas durante os últimos 16 anos. O Circuito Galego de Velocidade será unha infraestructura que permita compaxinar a función de impulso á formación deportiva no ámbito dos deportes do motor, a educación vial e o impulso económico e turístico de Galicia.


Persoal técnico-deportivo

O Goberno galego non tivo unha política deportiva que contemplase, de xeito rigoroso, a formación e, moito menos a investigación, elementos que inciden decisivamente na cualificación dos recursos humáns no deporte.


Asociacionismo deportivo galego

A vixente lei galega de deporte, sobarda un intervencionismo da Administración autonómica sobre o asociacionismo deportivo que non ten parangón.

O Goberno galego que tanto presume do seu compromiso e aposta polo sector privado do deporte, mantivo unha política deportiva mediante subvencións coa finalidade de manter ás federacións e os clubes cunha dependencia económica, e sen toma-las medidas adecuadas para de forma progresiva, consolidar un asociacionismo deportivo galego, autónomo e capaz. En definitiva, tamén neste campo se practicou unha politica clientelar.


Obxectivos
• Garantizar un desenvolvemento do deporte escolar dende os centros de ensinanza nun contexto educativo que permita a participación sen ningún tipo de discriminación e que contribúa, xunto á asignatura de Educación Física, a incorporar hábitos deportivos saudables dende as idades máis temperás.

• Alcanzar unha cultura deportiva xeralizada que incorpore a práctica da actividade física e o deporte na forma e estilo de vida dos cidadáns e cidadás, como unha parte importante do conxuto de hábitos saudables.


• Redeseña-la organización administrativo-deportiva para o mellor cumprimento das competencias exclusivas de carácter deportivo e establecer, baixo o principio de descentralización, os mecanismos de coordinación, cooperación e colaboración obrigada coas Entidades locais para unha maior eficiencia na xestión pública do deporte, ó mesmo tempo que se facilita a participación dos estamentos e entidades do sector.

• Adecua-las estruturas organizativas do Sistema Deportivo á actual realidade socio-política, mediante a regulación dun novo modelo asociativo deportivo no ámbito galego e as condicións e requisitos específicos que deben reuni-las empresas prestadoras de servizos deportivos.

• Aumenta-lo grado de universalización da práctica da actividade física e deportiva, eliminando barreiras de calquera tipo e, especialmente, potenciando aqueles programas dirixidos ós segmentos sociais máis desfavorecidos no seu acceso á práctica deportiva como os discapacitados, terceira idade, inadaptados sociais, inmigrantes, etc.

• Impulsar e Potenciar a formación, investigación e documentación no sector do deporte, mediante acordos coas universidades galegas, en especial, oas Facultades e centros de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.


Medidas

1. Deseñar un novo marco legal para a ordenación do sistema deportivo no ámbito galego, mediante a aprobación dunha nova lei galega do deporte, e o seu correspondente desenvolvemento reglamentario, elaborada coa participación e diálogo con tódolos estamentos deportivos, tanto públicos como privados afectados.

2. O Goberno galego debe deseña-las ferramentas adecuadas para o desempeño da súa competencia exclusiva en materia deportiva, pero cunha manifesta vocación descentralizadora cara as Entidades locais e establecendo, ademais, os canles de participación dos diferentes axentes sociais do deporte na xestión pública do deporte.

3. Poñer en marcha un Servizo de Inspeción Deportiva, similar ó que xa teñen outras CC. AA., para o exercicio da función de control que asegure o cumprimento por parte dos axentes sociais, tanto públicos como privados, dos deberes e obrigacións establecidos legalmente.

4. Iniciar unha nova política de respaldo e colaboración integral (económica e técnica ) cos servizos municipais de deportes, especialmente cos municipios con menor capacidade económica e, no seu caso, impulsa-la creación de servizos deportivos de ámbito comarcal ou de área metropolitana, de forma coordinada coas deputacións, con obxecto de garantir que os municipios galegos de máis de 2.500 habitantes, por si ou asociados, e no seu caso, mediante a asistencia das deputacións, realicen a prestación do servizo público deportivo.

5. Promover e soster, dacordo cas deputacións, un servizo provincial de asesoramento ós pequenos municipios.

6. Impulsar programas no ámbito do Deporte Para Todos, en coordinación coas Entidades locais, coas federacións e asociacións deportivas e, no seu caso, cos establecementos privados de prestación de servizos deportivos.

7. Facilita-la vertebración do Deporte Para Todos mediante asociacións de segundo grado, cun papel similar ó dos Entes de Promoción Deportiva de ámbito estatal, para aglutinar ás entidades e clubs que promoven ou organizan actividades de carácter lúdico, formativo ou social.

8. Promover un programa especial dirixido ós maiores coa creación de circuitos permanentes para ó exercicio saudable.

9. Deseñar un novo modelo asociativo de carácter deportivo que contemple as figuras asociativas necesarias nas diferentes manifestacións e niveis do deporte, como son as agrupacións de clubs, os Entes de Promoción Deportiva, a Unión de Federacións Deportivas Galegas ou a Federación Galega de Deportes Autóctonos contribuíndo ó desenvolvemento e consolidación dun tecido asociativo, competente e autónomo.

10. Promover e recoñecer unha asociación galega de xogos e deportes autóctonos e tradicionais.

11. Realizar unha reforma do actual réxime xurídico das federacións deportivas galegas que garanta unhas condicións adecuadas para o exercicio das funcións públicas delegadas que ostentan as mesmas e, ó mesmo tempo, un funcionamento democrático e a transparencia do seu réxime económico.

12. Posta en marcha dun servizo estable e permanente de asesoramento ás entidades y asociacións deportivas, en colaboración coas entidades locais.

13. Reorganiza-lo deporte escolar nos centros de ensinanza, en colaboración coas asociacións de pais de alumnos e os municipios, orientando a actividade e a competición para tódolos escolares, dende o punto de vista educativo.

14. Establecer que o deporte, nas idades escolares, estará baixo o control e seguemento do Comité Galego do Deporte Escolar, concibido como órgano de consulta da Comunidade Autónoma de Galicia e no que estarán representados tódolos estamentos afectados.

15. Crear coas Universidades galegas o Comité Galego do Deporte Universitario, como órgano colexiado de asistencia e asesoramento á Administración autonómica deportiva e de participación das entidades e institucións con competencia na materia.

16. Crear o Instituto Galego do Deporte que impulsará, con carácter prioritario, a reforma dos técnicos deportivos iniciada no ámbito estatal, mediante o desenvolvemento regramentario correspondente e a súa aplicación no seu ámbito territorial.

17. Impulsar un plano moderno de tecnificación deportiva cos seguintes eixes :

• Un Departamento de Tecnificación Deportiva, e xestión de patrocinadores mediante acordos coas empresas galegas.

• Un Servizo de apoio e asesoramento ó deportista galego de alto nivel, coa participación das Universidades galegas, cuxa finalidade será a mellora das condicións de entrenamento e a súa compatibilidade co estudo ou traballo, ademais de preve-lo futuro profesional.

• Regular un deporte escolar federado, é dicir, un entrenamento e competición en idade escolar, que resulta imprescindible no proceso de detección de talentos e na construción do Deporte de Alto Nivel que non derive cara unha explotación do mozo e que respecte o proceso de formación no que se atopa inmerso evolutivamente, garantizando os dereitos básicos.

• Elaborar unha normativa básica para a planificación e construción da infraestrutura deportiva e o cumprimento obrigatorio duns requisitos mínimos para a apertura e funcionamento das instalacións de uso público, tanto de titularidade pública como privada.

• Regula-lo uso deportivo dos espazos naturais que garanta o respecto e o equilibrio do medio ambiente.

• Elaborar un plano Director da Infraestrutura Deportiva Galega, que prevea as inversións necesarias para que Galicia, a medio prazo, conte cunha infraestrutura deportiva equilibrada territorialmente e diversificada.

• Mellora-lo aproveitamento das instalacións deportivas públicas, especialmente as situadas en centros públicos de ensinanza.

• Crea-lo Centro Galego de Medicina do Deporte para a asistencia e control dos deportistas de Alto Nivel e dos que formen parte dos planos de tecnificación. Estruturarase en dúas unidades funcionais, unha para a zona Sur, coa colaboración da Universidade de Vigo, ubicada no Centro de Tecnificación de Pontevedra e outra, para a zona Norte, no INEF-Galicia da Universidade da Coruña que para o seu desempeño, se apoiarán na tecnoloxía necesaria que dispoña o Sistema Público de Saúde, para unha mellor optimización dos recursos públicos.
« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
Deportes
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 pνxeles