Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
O consumo como dereito cidadán
O consumo como dereito cidadán
A demanda e oferta de bens e servizos, base do sistema económico e motor dos sectores produtivos, ten conformado un sector de consumo cada vez máis complexo, nunha economía globalizada en permanente transformación, con repercusións na calidade de vida da cidadanía e nas súas expectativas como consumidores ou usuarios.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico, permitiu unha expansión sen precedentes das posibilidades de elección, incrementando a complexidade e diversidade da oferta, que conta con potentísimos mecanismos de convicción e propaganda.

De feito, a democratización do consumo non garantiu a igualdade de acceso ós bens e servizos, senón que perduran as barreiras que impiden beneficiarse das ventaxas dun mercado competitivo, por mor da inferioridade dos consumidores, sobor de todo dos economicamente máis febles e vulnerables.

Verdadeiramente, a elección non é tal se os consumidores non dispoñen da información necesaria na decisión de compra, e non poden contribuír, coa súa opción, a premiar as boas prácticas de produtores e subministradores, como elemento de competitividade.

Por elo, é preciso dispor de información axeitada e transparente sobre os produtos e bens comercializados, establecendo unha nova estratexia de mutua confianza consumidor-empresario, coa implantación dun código de boas prácticas comerciais.

Unha nova política de protección dos consumidores,que dispoña de mecanismos de reacción áxiles e eficaces, na resolución de conflictos, e de instrumentos normativos axeitados para unha protección integral dos consumidores galegos.

Todo isto co obxectivo de facer efectivo o protagonismo dos cidadáns como consumidores, promovendo a súa implicación activa e participativa como axentes rectores do mercado.

Hoxendía a propia liberalización da prestación dos servizos de interese xeral, esixe das autoridades públicas, actuacións para garantir ós usuarios o acceso en condicións de igualdade de oportunidades.

Por iso, a defensa e protección dos dereitos económicos e sociais dos consumidores e usuarios galegos, é hoxe máis que nunca un compromiso cos dereitos cidadáns.

É preciso, que o goberno desenvolva unha política global de consumo, con actuacións coordinadas, descentralizadas e próximas á cidadanía, con medidas horizontais nas distintas áreas, para que os cidadáns acaden a súa protección integral como consumidores e ofrezan solucións eficaces ós problemas do consumo.

Un goberno que promova unha estratexia de interlocución dos axentes intervintes e a colaboración das distintas administracións, que garanta a máxima esixencia de protección e defensa dos dereitos económicos e sociais dos consumidores, como distintivo competitivo de mercado, e benestar social dunha sociedade galega, moderna e avanzada.

Nos últimos anos o Goberno do PP fixo deixación das plenas competencias en materia de consumo, mantendo unha política de costas ós consumidores galegos que trouxo como resultado a prevalencia exclusiva dos intereses empresariais e comerciais, sobre os consumidores o control do asociacionismo de consumo, a non colaboración cos Concellos e o debilitamento dos sistemas públicos de defensa dos consumidores.


Urxe pois implantar unha política baseada na prevención, na capacidade de reacción e con instrumentos normativos integrais, que acaden boas prácticas comerciais e uns consumidores responsables e máis activos na defensa dos seus dereitos.



Obxectivos

• Protexer e defender os intereses económicos e sociais das consumidoras e consumidores galegos.

• Conseguir un consumo sostible e responsable, e consumidores máis activos, máis participativos e menos vulnerables .

• Adecuar o marco legal galego ás novas realidades do mercado e demandas dos consumidores.

• Reestruturar os organismos de consumo, coa simplificación administrativa, nunha nova estrutura máis áxil, eficaz e de maior eficiencia nos recursos.

• Fortalecer a confianza dos consumidores, cunha política fruto da interacción e diálogo mutuo consumidor-empresario.

• Promover o establecemento dun código de conducta e unha actividade empresarial comprometida coas boas prácticas de mercado,como distintivo de competitividade, modernidade e calidade no servizo.

• Fortalece-lo sistema arbitral de consumo como servizo público e gratuito, para a resolución de conflictos.

• Reforzar a labor das administracións locais en materia de consumo. Impulsala inspección e control de mercado.

• Potencialo asociacionismo de consumo e a súa participación.



Medidas

1. Elaborar unha Lei Integral de Consumo de Galicia.

2. Crear, por lei, a Axencia Galega de Consumo, como organismo autónomo, que suplirá ós actuais instrumentos, para acadar unha defensa máis eficaz dos consumidores.

3. A Axencia dependerá de Presidencia e impulsará unha política trasversal nas actuacións do novo goberno.

4. Desenvolverá tódalas competencia galegas en materia de consumo, con cinco eixos de actuación: a protección dos consumidores, a súa formacion, a mediación e arbitraxe, as relacións institucionais coas distintas administracións e a participación e representación das asociacións de consumidores e dos axentes sociais e económicos.

5. Articular a Rede Integral de Consumo galega, cos Concellos, Deputacións, organizacións de consumo, empresas e profesionais, establecendo convenios de programas para a planificación dos recursos e a continuidade das accións, facéndoas accesibles ós consumidores.

6. Incorporar ás OMICs, programas específicos de prevención do sobreendebedamento, como mecanismo de protección e prevención ante o excesivo endebedamento das familias.

7. Introducir a arbitraxe virtual de consumo coa utilización de medios telemáticos en todo o proceso.
« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
O consumo como dereito cidadán
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 pνxeles