| Vivenda |
|
| Vivenda |
|
Cohesión social, sostibilidade e competitividade, tres grandes obxectivos que van orientar a política do PSdeG-PSOE en materia de vivenda. O noso goberno será garante de políticas baseadas en compromisos firmes, explícitos e irrenunciables:
Compromiso explícito de garantir o dereito á vivenda
Compromiso explícito de pautas de cohesión social
Compromiso explícito de pautas de sostibilidade
Compromiso explícito de pautas de competitividade
Polo tanto apostamos decididamente pola VP (vivenda protexida), polo control da fraude e polo control exhaustivo da especulación; apostamos polo aluguer, pola incorporación das vivendas valeiras, pola recuperación das áreas degradadas; apostamos pola calidade nas intervencións, pola sostibilidade na edificación e na cidade; apostamos pola investigación e innovación na vivenda e na edificación, e apostamos pola eficiencia e pola actuación rigorosa baixo criterios de rendibilidade económica e social.
A política de vivenda, débese xerar dende o obxectivo da cohesión social. A cohesión social constitúe hoxe en día un reto e un obxectivo central das cidades, que se han de construír dende a complexidade, a diversidade social e étnica, a multiplicidade dos espazos e redes relacionais, a ampliación das canles de participación activa e as accións encamiñadas ós colectivos mais desfavorecidos.
A política de vivenda exercida polo goberno central do Partido Popular e polo goberno galego conduciu a un resultado que alarma á sociedade: extraordinaria aceleración do prezo da vivenda, e un ritmo de edificación insostible, o máis alto de Europa; todo isto colocounos nunha situación de alto risco se esta conxuntura se prolongase no tempo .
Da análise da experiencia actual podemos concluír :
Na política de solo e vivenda dos últimos anos do PP predominaron unicamente os criterios do libre mercado, levándonos en consecuencia a que A VIVENDA, UN BEN DE PRIMEIRA NECESIDADE INDISPENSABLE PARA O BENESTAR HUMANO, SE CONVERTISE MÁIS NUN BEN DE INVERSIÓN E ESPECULATIVO, FACENDO DO QUE É UN DEREITO, O ACCESO Á VIVIENDA, UN LUXO.
A formación do prezo do solo está baseado fundamentalmente na expectativa de prezo de venda da vivenda a construír nel, O QUE INVALIDA EN PARTE A AFIRMACIÓN DE QUE DISPOR DE MÁIS SOLO ABARATA O SEU PREZO. Apostamos polo crecemento ordenado que sexa garante de servizos de calidade e pola clasificación de solo que sexa garante de que ademais de vivendas libres, o mercado tamén ofreza vivendas de prezo razoable.
Apostamos pola cesión de solo procedente da xestión urbanística á administración, e máis concretamente ós concellos, para implicar á administración local na política de vivenda e así impulsar actuacións coherentes e coordinadas do Estado - Xunta - Administración Local que desenvolvan un Pacto sobre a Vivenda entre o goberno galego e os concellos.
Cómpre adoptar medidas que atallen a fraude consentido nos sobreprezos que se aplican na venta de vivendas protexidas. A enorme diferencia de prezo entre vivenda protexida/vivenda libre de características constructivas e ubicación semellante, levou a un mercado negro de vivenda protexida que debe ser corrixido aplicando medidas de transparencia e control público.
A situación actual caracterizase por :
Aumento extraordinario do prezo da vivenda.
Altísima produción de vivenda nova: máis de 500.000 vivendas/ano dende 1999, (o mesmo que Francia e Alemania xuntas), chegando case ás 800.000 no 2003 (segundo datos do Consello Superior de Arquitectos, a mesma cantidade no 2003 e 2004 que Francia, Alemania, Italia e Reino Unido xuntos).
A compra de vivenda consume a metade da inversión en España. Alta porcentaxe de vivenda valeira (distinta que a secundaria) que acada no 2001 o 14% do total (sobre 3.000.000 vivendas). A vivenda secundaria acada o 16 %. Descenso da vivenda en aluguer que chegou ó 11 %, (en 1961 era do 42 %, en 1991 do 15 %).
Diminución da vivenda protexida dende o 50% en 1993 ó 8% en 2003.
Política de vivenda de costas á rehabilitación. Un 50-60% do casco urbán é dos anos 50-60, deteriorado e con vivendas en condicións de habitabilidade insuficiente, á marxe da política de vivenda, cando tería que ser un elemento central.
A vivenda libre consumiu moitos máis recursos públicos que a protexida, por desgravacións fiscais que na meirande parte non primaron ás rendas máis baixas.
Baixa inversión pública, das menores da UE.
Política pouco redistributiva: na UE, o 75% son axudas persoais directas e o 25
% bonificacións fiscais, o contrario que en España.
Falla de medidas de control. Non existiron estratexias a medio e longo prazo, o que envolveu de incerteza o sector.
Inexistencia de coordinación entre as tres administracións competentes en vivenda: central/autonómica/municipal.
Os gobernos do PP privaron ós cidadáns de políticas de vivenda :
Non existe política de vivenda para a nova sociedade: mocidade, familias monoparentais, maiores, inmigrantes.
Non existe en política de vivenda ningún criterio de sostibilidade ambiental en contra do esixido polas directivas europeas e acordos internacionais, nin na edificación nin na ordenación.
Non existe, posta no mercado de vivenda desocupada en barrios degradados, e incorporación de vivenda protexida en solos consolidados.
Non recoñecemento dos Concellos como básicos para artellar unha política coherente no conxunto de acción das administracións públicas. Os concellos son os máis achegados ós cidadáns e o territorio, e por tanto, os que teñen maiores posibilidades de ver os problemas e aportar solucións.
Obxectivos
Desacelerar o crecemento do prezo da vivenda.
Incorporar á política de vivenda os criterios de sostibilidade e rehabilitación.
Primar dende os concellos/administracións o patrimonio público de solo para intervir continuadamente no mercado e garantir o dereito á vivenda controlar a fraude, e impedir un mercado negro de vivenda protexida.
Recuperar a vivenda como un dereito, e non como un ben especulativo.
Medidas
Para acadar este cambio cultural, económico e social propoñemos adoptar as seguintes:
1. Promover un pacto entre a Xunta de Galicia e os Concellos para xerar unha política de vivenda a curto, medio e longo prazo, que se plasme nun plano GALEGO DA VIVENDA, cos seguintes obxectivos para catro anos :
2. A construción de vintecinco mil vivendas de protección, dezaoito mil en propiedade e sete mil para aluguer.
3. Das vintecinco mil vivendas, cinco mil serán VRE -de Réxime Especial, ou sexa sociais- para familias con renda non superior os quince mil vintecinco euros anuais, mozos, terceira idade, familias monoparenterais e discapacitados.
4. Elaborar un mapa de vivenda municipal, no que figuren as actuacións en materia de vivenda, o patrimonio municipal de solo adquirido, o emprego do patrimonio municipal de solo derivado do 10%, a VP (Vivenda Protexida) e VRE
( Vivenda en réxime especial ), parque de vivenda en aluguer privado e publico, parque de vivendas valeiras.
5. Establecer no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) unha Oficina de Coordinación e Control do plano de Vivenda, para facer o seguimento e colaborar coas demais administracións no cumprimento das obrigas legais, aplicando o principio de transparencia.
6. Crear no IGVS unha OFICINA PUBLICA DE ALUGUER, co obxectivo, en coordinación cos concellos, de ampliar a oferta de mercado de aluguer -crear un verdadeiro parque de vivendas de aluguer- con transparencia e seguridade, que actuará en coordinación con axencias, institutos e empresas publicas, para impulsar o mercado inmobiliario de aluguer e propoñer reformas que dean ós propietarios a seguridade xurídica necesaria.
7. Potenciar a creación de sociedades inmobiliarias de aluguer privado, creadas e/ou financiadas por entidades financeiras.
8. Regular adxudicación e posterior transmisión das vivendas protexidas (VP), para impedir a creación dun mercado negro deste tipo de vivenda. Implantar sistemas de adxudicación con garantía de xustiza social, transparencia e control público de tódalas vivendas protexidas, tanto nas de promoción pública como privada. Establecer sistemas de control da enaxenación posterior.
9. Subvencionar ós concellos ou ós seus entes instrumentais actuantes, para adquisición de solo que teña por destino a promoción de vivenda protexida en solos urbanos consolidados.
10. Determinar a través dos planos Xerais e garantir a materialización da porcentaxe de solo clasificado destinado a vivenda de protección (Venda e aluguer), de acordo cos estándares que fixe a Lei do Solo.
11. Levar a cabo programas de intervención e promoción constante nos diferentes barrios, en novos solos, e tamén impulsando a actuación en solos consolidados; os barrios degradados débense incorporar á cidade do benestar.
12. Fomentar, en coordinación co goberno central, a posta no mercado de vivenda usada desocupada, a través de medidas fiscais que primen a ocupación e disuadan a desocupación.
13. Impulsar a rehabilitación dos Centros Históricos. É necesario apostar polas barriadas periféricas, para, en ámbolos dous casos poñer vivendas valeiras no mercado, e no caso dos barrios periféricos evitar a marxinalidade.
14. Impulsar a posta no mercado de núcleos rurais tradicionais rehabilitados, non potenciando a nova construción rural diseminada. No primeiro ano de lexislatura comezarase con tres actuacións en cada provincia sobre núcleos abandonados.
15. Cumprir e facer cumprir as esixencias legais para os discapacitados, tanto nas vivendas de promoción publica como nas privadas.
16. Promulgar unha nova normativa de vivenda, para acomodala ós novos criterios e directivas europeas en relación cos materiais, sistemas enerxéticos e servizos.
17. Implementar unha campaña divulgativa nos medios de comunicación e nos colexios para sensibilizar dende a infancia da valoración da protección do territorio e do asentamento nos núcleos urbanos e rurais tradicionais, da ocupación respectuosa do territorio respectando o medio ambiente e propiciando a sotibilidade, (fronte a insostibilidade dunha nova construción espallada).
18. Establecer convenios cos concellos, as universidades e as asociacións de constructores e promotores para primar a rehabilitación, a investigación e a innovación en construción, tanto en materiais e sistemas enerxéticos que diminúan a dependencia de fontes de enerxía externas, como novas tipoloxías que incorporen as novas maneiras de vivir. Estableceranse unha sistemática continuada de planos de formación para estes colectivos.
19. Impulsar unha carta de servizos e un patrón de boas prácticas dos axentes do sector que contemple a participación dos cidadáns e o desenvolvemento de mecanismos de información, control e fomento de comportamentos éticos no sector.
20. Impulsar as modificacións lexislativas pertinentes para poder facer realidade estas medidas.
21. Modificar o Regulamento de desenvolvemento e execución da lei de accesibilidade e de supresión de barreiras, establecendo a obriga do 3% de reserva de vivendas adaptadas, en tódalas promocións de vivendas de protección pública ou privada.
|
|
| « Volver |
|
|
|
|
|