Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
O sistema de saúde. Un piar esencial do Estado de Benestar
O Sistema Nacional de Saúde é un piar esencial do Estado de Benestar. É unha das institucións que máis beneficios produciron e produce a millóns de cidadáns. É, como estamos dicindo dende hai moitos anos, un elemento esencial de cohesión social e de seguridade para as persoas e un poderoso mecanismo de redistribución da riqueza. É, ademais, a expresión dunha civilización avanzada.

O sistema sanitario ten un nivel científico e técnico avanzado, e é un bo sistema no plano filosófico: é universal, tecnicamente avanzado e equitativo.

Porén o Sistema Sanitario Galego sufriu nestes últimos catro anos un serio deterioro que o levou a unha situación límite, con listas de espera intolerables
(témolo dobre de espera para consulta de especialidades que a media española, segundo a OCU), masificación en atención primaria e escaso tempo dedicado a cada paciente (só un 13% das consultas chegan ós 10 minutos), sobresaturación habitual das urxencias, e unha situación na saúde colectiva que é a peor de España, e o que é peor, que empeorou (o noso diferencial), en relación co conxunto das CC.AA -Galicia ocupa o primeiro lugar en mortandade por enfermidades prevenibles-, nos últimos anos.

A situación é tal que sen dúbida non podemos seguír así sen enfrontar moi graves consecuencias.

E son os cidadáns e os profesionais sanitarios os que están iniciando un proceso esperanzador de demanda de mellora do sistema e son precisamente eles, profesionais e cidadáns, enfermos ou non, os piares sobre os que os socialistas queremos lograr ese cambio centrado na suficiencia, na calidade, no respecto ós dereitos persoais e cidadáns e na motivación, identificación e satisfacción dos que traballan comprometidos no labor nobre da protección da saúde.

Queremos facelo corrixindo o déficit de financiamento, corrixindo o problema estrutural do gasto, o desequilibrio territorial, sobre todo nas infraestruturas, na cobertura asistencial (especialmente na atención primaria, programas de tratamento e de rehabilitación de enfermos crónicos e discapacitados), e incrementando a produtividade dos centros de traballo con políticas de persoal incentivadoras e implicadoras dos profesionais e os traballadores no sistema, e cooperando co Estado, no control do gasto farmacéutico. Todo iso baixo a premisa da transparencia, a implicación do circuíto burocrático co circuíto asistencial, a avaliación das novas fórmulas de xestión e a redistribución do gasto a favor/tendente da provisión pública de servizos.

A profesionalización directiva, a orientación cara á toma de decisións colexiada, e a participación nela dos profesionais e os cidadáns a través da representación democrática, e o compromiso co sistema público serán os eixes da nosa actuación.

Todo iso ó servizo dun paciente en calidade de cidadán e persoa circunstancialmente enferma, nunha sociedade madura e democrática, na que a toma de decisións sobre a saúde individual recae en cada persoa en cooperación co profesional experto a través dunha relación normalizada en busca do obxectivo común da saúde.

Esa condición de cidadanía que conforma o estatuto xurídico do usuario- paciente implica garantías (información, consentimento, tempos máximos de espera, etc), pero tamén obrigas e corresponsabilidade por parte dos cidadáns de cara a un sistema sanitario público, que deben sentir como propio, porque o é, e tamén solidariamente de todos, e polo tanto indefectiblemente ligado ó seu bo uso, e ás decisións democráticas e órganos de participación que impulsaremos.

A atención ós pacientes, tanto asistencial coma administrativa gozará das garantías legais axeitadas, e o exercicio e actuación profesional gozará tamén da protección institucional, de xeito que a posible e lexítima litixiosidade quede reducida ó mínimo e dirimida de maneira normalizada no ámbito institucional.

A nosa aposta estratéxica na consecución dos obxectivos de saúde terá como eixos a posta en práctica de políticas salubristas de prevención e promoción de hábitos de vida saudables, a rehabilitación personal e potenciamento definitivo da Atención Primaria e a súa imbricación na atención sociosanitaria que consideramos clave. Tamén a garantía de igualdade no acceso e a calidade das prestacións.

Poremos en marcha medidas correctoras adaptadas ós territorios e cunha especial atención á saúde da muller e do neno, ás áreas máis necesitadas de actuación específica como por exemplo, os discapacitados, os maiores, as drogodependencias ou a saúde mental.

Consideramos tamén estratéxicas as apostas polas novas tecnoloxías ó servizo da clínica e da organización sanitaria e a promoción da investigación médica de calidade.

Asimesmo, cremos que a potenciación da docencia das profesións sanitarias nos centros do sistema, e da investigación biomédica, das ciencias da enfermeiría e da xestión, contribuirán decididamente a aumentar a calidade do mesmo no seu conxunto.

Todo o anterior debe desenvolverse cos valores da medicina de calidade, e defensa da cultura da excelencia, a ética médica, e a ética do servizo público e o compromiso social.

E todo iso nun marco de cooperación coas outras administracións sanitarias, compartindo os obxectivos e estratexias europeas para a saúde, e da OMS, en solidariedade cos outros pobos e no compromiso consustancial do Partido Socialista coa sanidade pública coma principio.



Obxectivos xerais.
• Mellorar o nivel de saúde das galegas e dos galegos, diminuindo a morbilidade e mortalidade prevenible con programas de intervención preventiva escalonada, e a posta en marcha e revisión de protocolos para a detección precoz de determinadas patoloxías.

• Reducir as listas de espera a uns prazos razoables, garantidos polo Parlamento, e xestionar as listas coa máxima transparencia.

• Mellorar a calidade dos servizos sanitarios, prestando especial atención á intimidade e dignidade das persoas no seu percorrido polo sistema sanitario.

• Garantir os dereitos dos cidadáns, no uso do sistema sanitario, e incrementar a súa participación no control e execución das políticas sanitarias, a través da promulgación dun Estatuto Xurídico dos pacientes.

• Mellorar os recursos, a xestión e a produtividade, dos centros sanitarios, implicando os profesionais e os traballadores.

• Completar a extensión do modelo de Atención Primaria ata cubrir ó 100% da poboación, e reducir a masificación nas súas consultas reequilibrando o orzamento ó seu favor.

• Desenvolver un plano de Saúde Mental e Asistencia Siquiátrica que aumente substancialmente os recursos e solucione axiña a precaria atención que reciben estes pacientes.

• Dedicar especial atención orzamentaria a desenvolver os servizos sociosanitarios.

• Reequilibrar en recursos sanitarios o territorio.

• Favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, tomando medidas transversais que extendan a oferta horaria dos centros sanitarios.


Medidas xerais

• O Goberno propiciará un PACTO SANITARIO para o FINANCIAMENTO e a XESTIÓN do Sistema Nacional de Saúde, a prol dun financiamento suficiente para a sanidade, e unha xestión que incremente a produtividade dos centros sanitarios.

• Este pacto debe contemplar de maneira destacada os aspectos relacionados co control do GASTO FARMACÉUTICO, sen o seu éxito será moi difícil acadar a suficiencia financeira.

• O Goberno elaborará un plano DE SAÚDE, instrumento de planificación estratéxica, dirección e ordenación do sistema de saúde, co obxectivo de garantir a resposta do sistema ás necesidades dos cidadáns. Na súa elaboración teranse en conta as propostas formuladas polos correspondentes organismos de participación e será enviado ó Parlamento para a súa aprobación, previo informe do Consello de Saúde.

• O Goberno promulgará un ESTATUTO XURÍDICO DOS PACIENTES, que artelle os mecanismos necesarios así como os instrumentos de xestión que permitan que o usuario poida facer efectivos os seus dereitos.

• Nese senso estableceranse garantías de tempos de execución dos actos sanitarios (consultas, probas diagnósticas e cirúrxicas), e no relativo a execución dos actos sanitarios. Isto implica a posta en marcha dun Servizo de Atención ó Doente resolutivo nos centros sanitarios que non só recolla as queixas e suxerencias dos pacientes e os seus familiares, senón que oriente a moverse nun mundo tan complexo como é o mundo sanitario.

• Así mesmo, desenvolverá a figura do DEFENSOR DO PACIENTE, como órgano encargado da defensa dos dereitos destes, que desempeñará as súas funcións con plena autonomía e independencia, e que será elixido polo Parlamento.

• Desenvolverá todo o relativo ó documento de instrucións previas e vontades anticipadas, e a implantación dun rexistro central deste documento.

• Regulará tamén os órganos colexiados de PARTICIPACIÓN CIDADÁ, na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, e garantes da transparencia nos procesos de toma de decisións (Consello da Saúde da Comunidade Autónoma, de área e de zona, e nos centros hospitalarios), con especial referencia ó seguimento de listas de espera.

• O Estatuto xurídico contemplará tamén unha UNIDADE DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL no Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de reducir a litixiosidade, favorecendo a obtención dunha indemnización por parte do paciente (se ten dereito a iso), sen recurrir á vía xudicial que é máis custosa para o usuario e ten inconvenientes para o sistema no seu conxunto.

• O Estatuto Xurídico establecerá un mecanismo que garanta as axudas estables ó asociacionismo de pacientes e familiares.

• O Goberno adoptará medidas para a MELLORA DA XESTIÓN NOS CENTROS SANITARIOS, o que pasa por acadar unha maior implicación dos profesionais e os traballadores no sistema, e por introducir as melloras tecnolóxicas de organización e de información imprescindibles co obxectivo de incrementar a súa produtividade.

• A implicación dos profesionais co sistema, e a súa motivación, pasa pola aplicación dun método axeitado de incentivos, tales como contratos estables, carreira profesional ligada non só á permanencia senón á consecución de obxectivos, asistenciais, e tamén de investigación e docencia; a promoción da dedicación exclusiva, inexcusable no caso dos postos de responsabilidade; complementos de produtividade variable; a descentralización nas unidades e servizos da toma de decisións administrativas, moi ligadas ás decisións clínicas (o que se coñece como xestión clínica).

• Consideramos necesario o desenvolvemento do Estatuto Xurídico do Persoal
Sanitario.

• É imprescindible afondar na profesionalización dos equipos directivos, afastándonos do clientelismo político, e seleccionalos baseándonos na determinación da excelencia dos aspirantes. Debe aumentarse a participación dos profesionais e os traballadores no goberno dos centros, a través das xuntas de goberno e xuntas facultativas.

• A enfermeiría debe xogar un papel moito máis destacado na organización. O recoñecemento dos coidados, e polo tanto, da trascendencia da enfermeiría ten un valor estratéxico tanto na práctica asistencial coma na dimensión social que precisan os servizos sanitarios. Desenvolveranse as especialidades normativamente recoñecidas.

• A Xerencia única de área, constitúe o organismo adecuado para dirixi-la política e a xestión sanitaria de cada área dende unha concepción integral dos coidados, incluídas as políticas de saúde pública.

• A sanidade privada ten un lugar no conxunto da asistencia sanitaria, tal como a fixa a Lei xeral de 1986. A colaboración das entidades privadas co Servizo Galego de Saúde, instrumentarase a través de concertos, tendo en conta os principios de subsidiariedade, complementariedade, optimización e axeitada coordinación na utilización de recursos públicos e privados, e tendo en conta as necesidades da atención sanitaria. Os centros privados obxecto de concerto deberán estar previamente acreditados, para o que se elaborará unha normativa dirixida a garantir a calidade da asistencia ós pacientes.

• A introdución dos avances na informática e na telemedicina é imprescindible para incrementar a información e o control, e así aumentar o rendemento da organización.

• O Goberno apoiará decididamente as liñas de investigación biomédica nas universidades e nos hospitais, dirixidas fundamentalmente a solventar os problemas de saúde susceptibles de ser mellorados cos avances neste campo, tales como a enfermidade de Alzheimer, diabetes mellitus e os infartos de miocardio.

• O Goberno negociará co Goberno central un incremento das prazas de formación MIR en Galicia, para determinadas especialidades nas que existe escaseza, para mellorar a calidade da asistencia e facer fronte ós novos retos.



Saúde pública
• A situación da saúde colectiva dos galegos e das galegas non é boa comparativamente falando.

• Ocupamos o primeiro lugar de España no conxunto da mortalidade por enfermidades prevenibles, e en concreto somos a primeira comunidade en mortalidade por enfermidades cerobrovasculares e hipertensión arterial, a segunda en cardiopatía isquémica, insuficiencia cardíaca e cancro de próstata, e o terceiro en cancro de colon e mortalidade por accidentes.


• E o que é peor: a situación empeorou e os diferenciais agrandáronse en case que todas as causas por mortalidade prevenibles nos últimos anos.

• O traballo a prol da prevención das enfermidades e de promover e manter a saúde, debe ser unha das prioridades das políticas públicas.

Medidas en saúde pública
Establecer un plano plurianual (2005-2009) para diminuír a mortalidade innecesariamente prematura e sanitariamente evitable, que estableza o inicio, por zonas xeográficas, que factores socioeconómicos, medio-ambientais, e de funcionamento dos servizos sanitarios poden estar implicados.


Este plano incluirá:

• Intervención preventiva escalonada en adultos sanos: tetanos, difteria, rubeola, antigripal e antineumocócica. Screening periódico de: tensión arterial, colesterol, citoloxía vaxinal, exploración física de mama e mamografía.

• Intervención preventiva escalonada en adultos sanos: educación sanitaria: alimentación, exercicio físico, tabaco, alcóhol, contracepción, prevención de enfermidades de transmisión sexual, prevención de caries e outros problemas odontolóxicos.

• Establecemento dun mapa destas enfermidades a nivel de área sanitaria e comarcas, para o que é preciso mellorar os actuais rexistros de morbilidade
(CMBD hospitalario, urxencias, e atención primaria, rexistros de cancro, enfermidades cardiovasculares e saúde mental), para favorecer programas específicos de área e comarca.

• A revisión, ou posta en marcha no seu caso, dos programas e protocolos para a detección precoz de certos tumores, especialmente cancro de mama, e colon; e diabetes e hipertensión arterial.

• Establecer un plano de loita contra o tabaquismo, que implique accións para que os máis novos non comecen a fumar e o establecemento de unidades de desabituación ó tabaco en cada servizo de atención primaria. Apoio decidido á nova lexislación estatal contra o tabaco.

• Desenvolver un plano galego de alimentación e nutrición complementario cos das outras administracións (española e europea), para fomentar dietas sans que impidan a obesidade, sobre todo nos nenos e nas nenas, e outras alteracións debida a unha alimentación inadecuada.




Seguridade alimentaria
• Seguimos considerando necesario crear a Axencia de Seguridade Alimentaria galega para coordinar os servizos públicos de inspección.

• Acreditar, de acordo coas normas ISO, todos os laboratorios implicados no control oficial.

• Desenvolver adecuadamente, os servizos de inspección de saúde pública.

• Desenvolver conxuntamente coa industria agroalimentaria galega as directivas comunitarias que establezan a necesidade de dispor cada unha delas do seu propio programa de análise de perigos e puntos críticos de control.



Atención primaria
Despois de dezaseis anos de Goberno do presidente Fraga e do Partido Popular, aínda perto do 30% dos galegos e das galegas non teñen acceso á modernidade na atención primaria da saúde, e seguen a ser atendidos polo vello modelo.

Ademais, nestes catro últimos anos, lonxe de mellorar a situación de masificación nas consultas agravouse, sobre todo nos meses de verán. A masificación nas consultas na Galicia urbana é moi seria, o número de persoas asignadas a cada médico é en moitos casos excesivo, e polo tanto, o tempo medio de consulta está moi lonxe dos óptimos dez minutos que reclaman os profesionais, sendo moi escaso o tempo dedicado á prevención e á promoción da saúde, educación sanitaria, docencia e investigación. Por ende, os centros de saúde seguen a ter moi escasa autonomía organizativa, e moi escasa capacidade resolutiva.


Na base desta situación está dende logo que a Atención Primaria está sometida a un proceso de descapitalización que aboca ó deterioro e impide abordar medidas de mellora, así como o abandono (se é que algunha vez creron nela), da filosofía que inspirou a reforma iniciada polo Goberno socialista de España en 1984.


Esta situación vese agravada pola escaseza de persoal de enfermería, o que non posibilita desenvolver programas de saúde, actividades preventivas e garantir os coidados domiciliarios a enfermos crónicos e discapacitados, o que supón unha discriminación ós colectivos de poboación con maior necesidade deste tipo de asistencia.

Por ende faltan traballadores sociais e unidades de fisioterapia, necesarios para ofrecer unha atención integral da saúde a persoas con enfermidades crónicas, discapacitados e/ou problemas sociosanitarios.


Como mostra da súa ineficacia e a súa desidia, o Goberno do presidente
Fraga foi incapaz de avanzar no plano de saúde buco-dental infantil, aprobado no Parlamento ó inicio da VI Lexislatura, mantendo en situación precaria a saúde bucodental infantíl, sobre todo os nenos e nenas de nivel socio económico máis baixo, que non acceden á odontoloxía privada, e convertendo esta cuestión nun paradigma da desigualdade.




Medidas
• Reequilibrar o orzamento entre atención primaria e especialidade, ata acadar que a atención primaria supoña un 20% do orzamento.

• Extender o «novo» modelo ó 100% da poboación.

• Aumentar a autonomía dos centros de saúde, reforzando a figura dos coordinadores/xefes de servizo.

• Aumento progresivo do número de médicos co obxectivo de aproximarse ós dez minutos de tempo medio por paciente.

• Incremento do persoal de enfermeiría para poder desenvolver programas de saúde, actividades preventivas, garantir os coidados domiciliarios a enfermos crónicos e discapacitados.

• Incrementar de forma progresiva a oferta de fisioterapia.

• Implantar en oito anos, unidades de radiodiagnóstico nas cabeceiras de comarca, conectadas informáticamente cos servizos de radiodiagnóstico hospitalarios.

• Poñer en funcionamento a figura do Especialista Consultor para atención primaria.

• Poñer en marcha un plano de Saúde Bucodental infantíl para os nenos galegos ata os catorce anos, e creando a figura do Dentista de Cabeceira.

• Xeralizar o programa de embarazo co seu seguimento nos centros de saúde, e a instauración da educación maternal e materno-infantíl en todos os servizos.

• Instaurar un programa de prevención de embarazos non desexados e orientación familiar, e de enfermidades de transmisión sexual que comprenda, a parte dos aspectos relativos á educación para a saúde no propio sistema educativo, a inclusión da Planificación Familiar en todos os servizos, cun incremento progresivo dos Centros de Orientación Familiar, e na extensión da dispensación gratuíta da pílula post-coital (pílula do día despois).

• Incrementar as consultas de tarde para favorecer a conciliación da via familiar e laboral.

« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
O sistema de saúde. Un piar esencial do Estado de Benestar
Atención especializada
Saúde mental
Atención socio-sanitaria
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 pνxeles