A proposta do PSdeG-PSOE é facer da sociedade galega unha sociedade de benestar avanzada; unha sociedade onde tódolos galegos e as galegas teñan DEREITO ó benestar e a aproveitar as oportunidades para vivir con plenitude, saúde e madurez o seu modo de entender as súas vidas.
Propoñemos pois, unha maneira de entender o benestar baseada no exercicio dos valores de liberdade, igualdade e solidariedade. E manifestamos que as nosas prioridades de goberno son atender ás necesidades das diferentes familias, dos mozos e mozas, da xente maior, das persoas con discapacidade e loitar contra calquera tipo de marxinación social.
Os dereitos garanten a nosa liberdade. Os socialistas entendemos que é necesario converte-las necesidades sociais en DEREITOS CIDADÁNS. O avance económico e social de Galicia pasa por conseguir a converxencia con Europa en termos de benestar social. Por iso o noso primeiro compromiso é o de crear e consolidar un SISTEMA PÚBLICO DE SERVIZOS SOCIAIS, creando o cuarto piar do Estado do benestar, xunto coa educación, a sanidade e as prestacións económicas. Un sistema público forte, avanzado e moderno, xerador de emprego e de riqueza, imprescindible para ter unha economía competitiva ó tempo que se conquire a integración social e laboral de tódalas persoas.
A liberdade compleméntase co valor da igualdade. O novo goberno do PSdeG- PSOE velará porque tódolos galegos e galegas, sexa cal sexa a súa condición económica, territorial, de idade ou de xénero teñan as mesmas oportunidades de elixir as súas opcions de vida e combatirá a fondo toda exclusión, en especial as novas formas de marxinación e pobreza.
Así mesmo, alcanzar o benestar é cuestión de solidariedade e de xustiza social. O benestar só pode acadarse mediante a cooperación, o traballo conxunto das institucións e persoas, facéndose preciso un importante consenso social, un novo contrato entre xeracións, entre a cidadanía, que permita ós mozos e mozas integrarse plenamente no ámbito laboral, acadar a súa independencia e ós maiores exercer a cidadanía plena gozando das axudas precisas pero tamén dunha vida activa.
A posibilidade de facer de Galicia unha sociedade de benestar, esixe a participación dos concellos e a colaboración institucional da Xunta de Galicia con eles. Son as administracións locais, pola súa cercanía ós cidadáns, os que están en mellores condicións de identifica-las desigualdades e de actuar para evitar a exclusión. Cremos que un PACTO INSTITUCIONAL PARA UNHA REDE MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS é necesario para facer realidade este obxetivo común.
|