Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Situación territorial de Galicia
Despois de dezaseis anos de goberno do Partido Popular, Galicia encóntrase cada vez mais inmersa nun profundo proceso de desvertebración e desestruturación territorial que leva aparellada unha perda continuada de competitividade en amplas zonas do país e unha fractura na cohesión social. A dinámica produtiva e demográfica, e polo tanto o desenvolvemento territorial, caracterízanse por: a) un crecemento económico desequilibrado a nivel espacial que nas rexións urbanas e no litoral xera procesos segregadores de concentración e exclusión, e nos ámbitos rurais non é quen de fixar a poboación ; b) a desertización e o despoboamento do medio rural interior; c) a conxestión das cidades e da franxa litoral occidental; d) a indiscriminada e desordenada ocupación do solo e o caos urbanístico; e) a desigual, arbitraria e deficiente dotación de servizos e bens públicos de cara os cidadáns.

En definitiva, un proceso de desenvolvemento que conleva unha ineficiente e descoordinada utilización dos recursos e un desaproveitamento do potencial de crecemento endóxeno de Galicia; que provoca a creba social no medio urbano e un grave decaemento do mundo rural, por unha banda, e unha fractura demográfica e de mobilización de recursos entre a Galicia litoral e a Galicia interior, por outra. Coa consecuencia dunha desigualdade crecente de oportunidades, que impide que tódalas persoas, familias, e colectivos poidan desenvolver libre, plena e de forma igualitaria o seu proxecto de vida.

Historicamente, a poboación galega medrou moi a modo. A este lento incremento hai que engadir a gran dispersión nun número moi elevado de núcleos, a concentración maioritaria da poboación na zona costeira occidental e a aceleración da concentración urbana arredor das cidades grandes e medias.

En termos de dispersión, en Galicia atópanse o 50% dos núcleos de poboación que hai en España. E posto que o custo dos servizos de carácter social así como o dos investimentos en equipamentos non son o mesmo nun contorno de poboación concentrada que nun de poboación dispersa, o proceso demográfico anterior e a falla de políticas públicas de cohesión territorial levaron a unha desvertebración e fractura clara do país a nivel dotacional e máis a nivel social.

O mundo rural galego, que constitúe máis do 80% do territorio, experimentou en cincuenta anos unha transformación radical. A escasa rendabilidade das explotacións provocou o abandono do seu medio da maioría da poboación activa agraria. O éxodo masivo cara ás cidades, e das actividades do campo cara á industria e os servizos, deixou o medio rural nunha situación na que non só as familias, senón a paisaxe e un valioso patrimonio experimentaron unha gran transformación e un importante abandono.

Por outro lado, a estrutura demográfica de Galicia, danada gravemente pola emigración, resultou moi avellentada, dramaticamente no interior rural e de modo moi importante mesmo na Galicia urbana. Neste contexto, o ritmo de renovación xeracional non é suficiente para que esta estrutura poboacional cambie a curto prazo, polo que todo indica que continuará o crecemento vexetativo negativo e o aumento do avellentamento.

De feito no ano 2.002 a taxa bruta de mortandade superou en mais de tres puntos a taxa bruta de natalidade no conxunto de Galicia (un 7,1 fronte un
10,3), circunstancia que se agrava extraordinariamente nas comarcas e concellos do interior.

Pola súa parte, as cidades máis importantes da nosa Comunidade Autónoma continúan na longa fase de concentración urbana, agora inmersas nun proceso de periurbanización e metropolización. Asistimos nos últimos lustros a un desenvolvemento urbano caracterizado pola descentralización, pola difusión do crecemento residencial que se expande sobre o territorio transcendendo o ámbito municipal dos concellos urbanos e outorgando ós espazos periféricos un forte dinamismo.

Este tipo de crecemento urbano que se está producindo en Galicia, marcado pola suburbanización, vén caracterizado por un irracional uso do solo e un importante impacto ambiental. As conurbacións están crecendo de maneira desordenada, simultaneando a excesiva conxestión e densidade das cidades coa indiscriminada dispersión da ocupación do territorio suburbanizado.

A falla de previsión e ordenamento permitiron que as áreas metropolitanas e urbanas medraran de xeito desordenado. Nos últimos anos, os municipios periféricos concentraron toda a dinámica do crecemento urbano. Este proceso motivou, sen ir mais lonxe, que o aumento desmesurado do tráfico diario nos accesos radiais ás cidades se teña convertido nun desafío dificil de resolver de cara ó futuro desenvolvemento da maioria dos grandes nucleos urbanos galegos.

Todo este dinamismo das cidades galegas e do seu contorno inmediato, tanto a nivel urbanístico coma demográfico, vén acompañado dun proceso de desenvolvemento económico desequilibrado territorialmente co progresivo afundimento demográfico da Galicia rural. Neste senso, o proceso de desertización poboacional das provincias de Ourense e Lugo, anúnciase en territorios interiores de A Coruña e Pontevedra reforzado por unha evolución da actividade produtiva que provoca que nestes territorios se acaden os índices mais baixos de desenvolvemento e riqueza da nosa Comunidade Autónoma e do conxunto do Estado español.

As zonas rurais interiores do noso país non só están a sufrir fortes taxas de crecemento vexetativo negativo e un proceso de envellecemento máis que dramático, senón que ano tras ano ven coma o tren do desenvolvemento rural sostible, baseado na innovación e competitividade do sector agrario, a xestión do territorio e a diversificación das actividades, afástase de elas, malia o potencial de desenvolvemento endóxeno e a grande riqueza en recursos e patrimonio.


« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Situación territorial de Galicia
Balance dun tempo perdido
Cambios necesarios, vertebración territorial
Áreas metropolitanas e urbanas
Preservar o patrimonio de todos. Ordenación de usos do litoral e medio rural
Actividade urbanística: cooperación e sostenibilidad
Galicia cara ó desenvolvemento sostible
A situación de Galicia: a nosa pegada ecolóxica
Transporte
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 píxeles