A reforma do financiamento autonómico recollida na Lei 21/2001, de 27 de decembro, con entrada en vigor en xaneiro do exercicio 2002, pode cualificarse de fracaso. Apenas transcorreron dous anos de vixencia e practicamente tódalas comunidades autónomas esixiron xa a súa reforma ou modificación, ante as insuficiencias e déficit contabilizados na sanidade e tamén nas administracións xerais.
Sen dúbida, existen inercias importantes que dificultan o exercicio da responsabilidade fiscal en comunidades acostumadas a gobernar na práctica con transferencias e subvencións, circunstancia que subvalorou ou non considerou os efectos positivos asociados á ampliación de tributos cedidos e compartidos, así como á mellora na súa capacidade normativa. En todo caso, non se corrixiron de novo as desigualdades financeiras entre comunidades forais e de réxime común, non se apreciaron os problemas de insuficiencia dinámica que xera o deseño aprobado e ademais non se analizaron as consecuencias económicas derivadas da ampliación da Unión Europea.
Obxectivos
Para isto proponse como obxectivos básicos nesta materia corrixir, superar e eliminar os obstáculos que se acaban de mencionar. Para reforzar a estabilidade política e institucional do sistema, para establecer novos deseños na solidariedade persoal e territorial, para aumentar e racionalizar os recursos destinados á sanidade, para priorizar os fondos europeos, para mellorar a eficiencia na xestión, para reforzar as infraestruturas físicas e tecnolóxicas, para primar o gasto en educación e en I+D+I, para recortar os custes e o despilfarro do clientelismo municipal, para deseñar unha administración máis áxil, racional e eficiente.
Medidas
As reformas que se propoñen no sistema de financiamento subxacen á construción dunha España profundamente democrática, profundamente descentralizada e ademais activa na construción do proxecto europeo. Neste sentido, a Xunta de Galicia defenderá:
• Corrixir os factores de inestabilidade política e institucional do proceso autonómico.
• Converter o Senado en verdadeira Cámara de representación territorial e en espazo político estable para a proposta, o debate, a negociación e o acordo.
• Potenciar a Conferencia de Presidentes ós efectos de propoñer e impulsar ideas, proxectos e obxectivos comúns.
• Aproximar o financiamento entre comunidades forais e de réxime común.
Establecer novos deseños para a solidariedade
Para isto é necesario realizar axustes e reformas periódicas do sistema, ós efectos de analizar, e no seu caso corrixir, o Fondo de Suficiencia, ante o desigual peso relativo que teñen os tributos cedidos e compartidos nas distintas comunidades autónomas, así como tamén ante a súa diferente capacidade e dinámica recadatoria.
Proponse tamén un novo deseño que mellore e faga efectivas as Asignacións de Nivelación en sanidade e educación, así como para compensar a previsible e gradual redución dos fondos europeos mediante aumentos e aplicacións intelixentes do FCI. Estos incrementos e destinos estarían fundamentados en acordos básicos entre a Administración central e as comunidades autónomas, para garantir a efectividade de proxectos estratéxicos (infraestruturas, educación, investigación, tecnoloxías, etc.) evitando así a súa anterior distribución en obras menores de corte clientelar.
Financiamento da sanidade
Proponse mellorar o financiamento sanitario a través dos axentes que interveñen, utilizan e financian o sistema. Xa sexa aumentando os ingresos mediante contribucións estatais e autonómicas vía impostos compartidos
(subindo o imposto sobre o tabaco e afectando tódolos recursos adicionais á sanidade, reducindo determinados beneficios fiscais do IRPF e facendo o mesmo a través do índice de evolución) xa facendo máis eficiente a xestión e o control do gasto, sobre todo en materia de contratación e gasto farmacéutico, así como racionalizando e mellorando a equidade no que atinxe á actual participación do usuario no financiamento da farmacia.
Equidade, eficacia e transparencia
Conseguir maiores ingresos a través dun proceso de simplificación e racionalización do sector público institucional da comunidade autónoma. Neste sentido, analizarase a eficiencia e utilidade social das axencias, fundacións, entes, organismos e sociedades mercantís vixentes, ós efectos de eliminar ou corrixir o seu deseño axustando os recursos empregados ós fins e obxectivos que se pretenden conseguir.
As taxas e prezos públicos cubrirán o custe de actividade e servizos realizados. Ademais, modificaranse as bonificacións fiscais en termos de equidade, eliminando aqueles que operan en sentido contrario á mesma.
Tódalas subvencións serán transparentes e regradas, o que obrigará a corrixir, revisar ou eliminar aquelas axudas, subvencións e convenios fundamentadas nunha regulación insuficiente, na opacidade, as destinadas a financiar competencias exclusivas doutras Administracións públicas ou ben porque carecen de interese social.
Ampliarase e reforzará a capacidade de xestión, control e inspección tributaria da comunidade autónoma, potenciando a coordinación e colaboración institucional, así como potenciando o intercambio de información entre Administracións que utilizan impostos compartidos.
|