| O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial |
|
| O Turismo |
|
O Turismo que é unha grande oportunidade de desenvolvemento, creación de riqueza, benestar e emprego, está inmerso en profundas transformacións por mor das:
Modificacións nos gustos e motivacións dos turistas.
Os cambios tecnolóxicos e no contorno institucional e organizativo.
A necesidade de preservar o entorno medioambiental e cultural, como factor esencial dun desenvolvemento.
En consecuencia, os destinos preferidos polo turista dependerán cada vez máis, da conservación dun contorno medioambiental saudable e dos rasgos de identidade cultural dos territorios onde se produza. Por iso, a elaboración de estratexias de desenvolvemento sostible son a única vía para garantir a continuidade da actividade turística, a mellora de resultados do sector e a superación dos retos a afrontar nos vindeiros anos.
Neste novo entorno, a planificación e coordinación das actuacións, a participación democrática na definición de obxectivos e o desenvolvemento das capacidades de organización e intelixencia, constitúen elementos imprescindibles para dar resposta ós desafíos e á agudización da competividade.
Galicia é un país con importantes recursos e atractivos turísticos onde se produciu ó longo dos últimos anos un proceso de crecemento turístico desordenado, carente de obxectivos a medio e longo prazo e sen unha estratexia definida. Así ata 1997 non se aproba unha Lei de Turismo, que ainda hoxe non se desenvolveu nos seus elementos esenciais de planificación e ordenación.
Por outra banda, o goberno galego non sitúa ó turismo no nivel institucional que corresponde a súa importancia e potencial como sector económico, xa que representa o 10% do PIB galego, renunciando a facer do turismo un eixo estratéxico do desenvolvemento económico de Galicia.
A incapacidade da actual Xunta de Galicia para liderar o turismo na actuación das Administración públicas, no ámbito Institucional e privado provocou unha grande dispersión de esforzos, reducindo a súa eficacia e resultados, por mor da descoordinación na toma de decisións da promoción e desenvolvemento da oferta turística.
A actuación da Xunta de Galicia, nestes anos cualifícase de arbitraria e subxectiva, ó carecer de información rigorosa e obxectiva para a análise da situación real do sector, impedindo orientar o seu desenvolvemento futuro nun contorno cada vez máis competitivo.
Os socialistas pensamos que non podemos seguir ancorados nunha forma de xestión e promoción que non responde á realidade, que carece das políticas necesarias para un desenvolvemento sostible á vista das transformacións na demanda e nas tecnoloxías da comunicación e o transporte.
Por iso é necesario pensar na definición dunha estratexia que se fundamente en tres eixos básicos: calidade dos produtos e servizos turísticos; a planificación, cooperación e participación democrática do conxunto das entidades e axentes do sector; e desenvolvemento e posta en valor das potencialidades e recursos turísticos de Galicia.
Todo isto nun marco de actuación respectuoso co medio ambiente e o territorio e coa identidade cultural e social do país que, ó mesmo tempo, constitúen a base fundamental do seu atractivo turístico.
Pero adicionalmente, os socialistas queremos que o turismo sexa un factor relevante de reequilibrio territorial entre o litoral atlántico e o interior de tal xeito que dentro dunha estratexia de desenvolvemento integral poida contribuír a revalorizar o mundo rural e a frear o proceso de despoboación que está a sufrir, con grave risco de mantemento da paisaxe e da actividade agro-gandeira.
Neste senso, o turismo ten que ser unha alternativa de futuro que contribúa decididamente ó desenvolvemento do interior de Galicia, que conta con importantes recursos patrimoniais, naturais e socio-culturais susceptibles de valorizar precisamente nun contorno que demanda, de xeito crecente, produtos e servizos ligados á natureza, a cultura e o patrimonio.
Hoxe podemos constatar o enorme desfase entre os recursos turísticos existentes e a pasividade do Goberno autonómico na creación de novos produtos turísticos e a súa promoción e comercialización, que poderían contribuír de modo importante á maior diversificación da nosa oferta turística e a súa desestacionalización, xerando novos e máis amplos fluxos turísticos.
Por último, temos que subliñar que a calidade do produto e dos servizos turísticos pasa necesariamente pola formación do persoal, pola profesionalización máis ampla do sector, capaz de entender o contorno e utilizar as novas tecnoloxías.
Obxectivos
Considerar o valor estratéxico do turismo, como motor de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial e base da política económica.
Definir o posicionamento estratéxico de Galicia a medio e longo prazo vencellado a criterios de calidade, sostenibilidade e singularidade, como factores claves de competitividade, coa participación do sector.
Integrar o conxunto de políticas públicas, impulsando a planificación e cooperación cos destinos turísticos, especialmente co Norte de Portugal e o fomento do turismo interior.
Resolver as carencias en intelixencia, innovación e desenvolvemento, diversificando a oferta con novos produtos para reducir a estacionalidade.
Impulsar a formación profesional e universitaria no ámbito turístico.
Crear estruturas de xestión e comercialización da oferta turística galega.
Mellorar a accesibilidade de Galicia como destino turístico desde os principias mercados turísticos nacionais e internacionais.
Protexer ós usuarios turísticos e garantir os seus dereitos, coa información turística como elemento esencial do proceso turístico e a súa coordinación nos diferentes formatos.
Medidas
1. Plano Estratéxico de Turismo de Galicia, que ordene e planifique a actividade turística, definindo as directrices e actuacións a desenvolver, coa concertación de tódolos sectores da actividade turística e a coordenación das administracións e a iniciativa privada.
2. Plano cuatrienal de competitividade do sector turístico que fomente a cooperación empresarial e a integración no sistema produtivo local, que contemple:
Formación de empresarios e profesionais nos ámbitos das actividades turísticas, en colaboración coas Cámaras de Comercio e Asociacións Profesionais.
Implantación e mellora das novas tecnoloxías no sector turístico, para mellora-la xestión e comercialización dos distintos servizos turísticos.
Programas de internacionalización da empresa turística e de cooperación exterior para facilitar novas perspectivas de negocio.
3. Comités de Coordinación interconsellerías e Interadministracións e potenciación do Consello Galego de Turismo.
4. Creación de produto e marca diferenciadora, con reasignación de recursos e estratexias de branding turístico que eviten o solapamento nos mercados.
5. Rede de Cidades con Patrimonio-Histórico de Galicia e impulso dos destinos turísticos galegos en redes nacionais e internacionais, especialmente co Norte de Portugal.
6. Conexión directa, a través da rede portuaria e aeroportuaria de Galicia, cos principais mercados turísticos internacionais.
7. Desenvolvemento das profesións turísticas, universitarias e técnicas, e a formación do conxunto do sector turístico, para acadar standars de excelencia.
8. Combater a competencia desleal dos establecementos turísticos, con maior inspección turística.
9. Valorización do turismo interior co seu patrimonio ambiental, cultural, gastronómico, folclórico e paisaxístico e programas específicos para cidades, rural e litoral.
|
|
| « Volver |
|
|
|
|
|