Contacto Accesible Gallego - Accesible Castellano - Gallego - Castellano
Pesca responsable
Pesca responsable
O sector do mar de Galicia ten experimentado nas dúas últimas décadas unha destrución neta de actividade, nun escenario con moita incerteza sobre o futuro, e no que os resultados actuais non son sempre satisfactorios, debido a menos posibilidades de pesca, malas condicións de traballo que teñen feito pouco atractiva a profesión do mar e escasa xeración de novas oportunidades de emprego en sectores emerxentes e novas actividades vencelladas á pesca e ó aproveitamento dos recursos mariños.

O seu desenvolvemento quedou paralizado. Non houbo medidas que aportasen novas tecnolóxicas que puidesen face-lo avanzar ante os retos da globalización e os cambios na estrutura dos mercados pesqueiros que se produciron nestes anos e que o preparasen cara ó futuro.

Os únicos incentivos que tivo a industria pesqueira galega en xeral, foi a aportación dos fondos estruturais da Unión Europea sen que a súa utilización xerase unha reforma profunda no propio sector.

No reparto dos fondos comunitarios non se tivo en conta a viabilidade dos proxectos subvencionados, non se aproveitaron iniciativas comunitarias que favorecían a diversificación económica do sector pesqueiro e que fomentaban novas posibilidades de emprego en sectores emerxentes, novas actividades vinculadas á pesca e ó aproveitamento dos recursos mariños.


Os problemas mantéñense despois de quince anos, falla de aproveitamento das posibilidades produtivas das rías galegas, inestabilidade nos prezos para a flota, perda de emprego constante na pesca, deslocalización das grandes empresas produtoras por falla dunha verdadeira política industrial, etc.

Durante estes anos non se realizaron planos estratéxicos sector por sector, agás o plano de Reestruturación do Sector Mexilloeiro que logo non tivo continuidade, que nos permitan identificar a súa situación en cada momento, analizar obxectivos a longo prazo e xerar confianza nas empresas do sector, tal e como ocurriu noutros países máis avanzados de Europa.


A estratexia política do Partido Popular, emanada da actual lexislación autonómica para a pesca está fóra da realidade sectorial. Isto provoca que a súa aplicación dificulte un crecemento ordenado e sostible do sector. A actual Lei de Pesca co seu desenvolvemento en canto a alternancia de artes e permisos de explotación actuou nos últimos anos de freo ás necesidades de renovación do sector, nomeadamente nas flotas artesanais, que están sometidas a unha forte presión que as empurra ó abandono da actividade por baixa rendibilidade.

A normativa autonómica sobre Confrarías de Pescadores fortemente contestada polas propias confrarías, é pouco transparente, dificulta os procesos de elección dos representantes e non dá o pulo de modernización e democratización que necesitan estas organizacións para favorece-la cooperación entre elas e encardinalas nas políticas comunitarias.

A lexislación emanada da última etapa de goberno do PP respecto dos centros propios de investigación da comunidade autónoma e de definición de gardacostas, introduce elementos privatizadores que non garanten un servizo eficaz.


Consideramos que as normas deben ser feitas sobre a base do diálogo e o compromiso con tódolos beneficiarios de xeito que favoreza o cumprimento e a implicación dos mesmos; e ó mesmo tempo, a lexislación debe ser sinxela, polo que cremos imprescindible partir dunha norma básica na que se definan as grandes liñas de actuación sobre o sector en Galicia, dende a ordenación dos recursos, a ordenación do litoral, o marco sancionador, os corpos públicos de control ata as organizacións representativas do sector.


Entendemos imprescindible establecer un diálogo eficaz co sector e desenvolver unha política social pesqueira integral, para paliar as perdidas de actividade mediante:

• A avaliación e ordenación dos caladoiros galegos e posterior posta en marcha dun plano integral de rexeneración e recuperación dos recursos mediante o coñecemento fiable e científico do nivel de esforzo que realiza cada arte ou aparello e a súa interacción.

• Unha mellor regulación laboral no sector do mar e unha maior protección social que favoreza a permanencia no sector e o relevo xeracional.

• Unha política de incentivos para a incorporación da xente moza e as mulleres
en sectores emerxentes, e actividades innovadoras vencelladas ó mar.

• A diversificación económica nas zonas dependentes da pesca.

Nos países costeiros máis avanzados de Europa, o sector do mar está sendo fonte de xeración de novos empregos en actividades emerxentes, na que se crean numerosos postos de traballo para técnicos superiores e profesionais, non é o caso de Galicia.

O programa de goberno do PSdeG-PSOE aposta polo futuro do sector pesqueiro galego como unha actividade económica estratéxica para os intereses de Galicia.

O eixo fundamental da nosa acción política será o diálogo coas persoas que conforman o sector, para favorecer o establecemento dun clima de confianza nas perspectivas de futuro do mesmo.

Impulsaremos unha política transparente e áxil dos mecanismos de acceso ás axudas públicas.

Faremos que Galicia sexa protagonista nas decisións sobre política pesqueira que adopte o goberno central, a Unión Europea e os organismos internacionais. Impulsaremos o diálogo con outras institucións e coas C.A. marítimas para favorecer un clima de entendemento en asuntos comúns, tales como a investigación, a formación, recursos, etc.

No marco da política de cooperación exterior, desenvolveremos accións con outras rexións pesqueiras de interese para Galicia, fomentando o intercambio das experiencias dos sectores de ambos países.

Crearemos unha Axencia Galega de Promoción Exterior que proporcione información ós nosos empresarios para a realización de investimentos en terceiros países e, ó mesmo tempo, a promoción dos nosos produtos.

Apostamos por unha explotación sostible e rendible economicamente, baseada en coida-lo medio, aproveitar axeitadamente os recursos e aumenta-la eficiencia económica da actividade.

Apoiaremos a iniciativas do sector para renova-las estruturas pesqueiras, co obxecto de conseguir unha mellor calidade de vida dos traballadores, e unha maior rendibilidade económica das empresas.

Utilizaremos os recursos financeiros transferidos pola Unión Europea para paliar a perda de emprego e calidade de vida nas zonas dependentes da pesca, favorecendo a incorporación da xente moza e das mulleres a actividades innovadoras vinculadas á pesca.

Favoreceremos a integración dos novos inmigrantes na pesca galega, evitando a marxinalidade social.

Estudiaremos a actividade económica de cada un dos portos, para determina-los tramos da fachada marítima susceptibles dunha xestión integrada, procurando un tratamento das capturas sometido a procesos de selección e manipulación que permitan a valorización das mesmas.

Consideramos que o desenvolvemento de Galicia descansa en boa parte no noso mar. Galicia debe se-lo faro que define, coordine e guíe as líñas nacionais de investigación mariña.

A investigación debe estar aberta ás necesidades do sector pesqueiro, a transmisión do coñecemento entre os produtores e os investigadores formará parte da acción política do novo goberno.

Traballaremos para garantir unha formación axeitada e específica ás condicións das mulleres e dos homes do mar, que fomente e permita a necesaria evolución tecnolóxica no aproveitamento dos recursos para gañar en competitividade.


A seguridade marítima e a loita contra a contaminación serán unha prioridade do noso goberno, favorecendo a posta en marcha de políticas de prevención e formación tanto a nivel individual como colectivo.

O novo goberno levará a cabo un plano de recuperación da capacidade produtiva para os recursos pesqueiros e marisqueiros afectados polo Prestige, con planos de repoboación e rexeneración das zonas máis afectadas pola catástrofe.
« Volver
Unha Galicia forte: o impulso do autogoberno
Educación e innovación: O camiño do futuro
A nosa cultura, o noso país
Unha economía para os cidadáns. O emprego como prioridade
Política industrial
Enerxía, competitividade e medio ambiente
Telecomunicacións e Sociedade da Información
O desenvolvemento do medio rural e da agricultura
Pesca responsable
Pesca responsable
Flota pesqueira galega
Marisqueo e acuicultura
Sector comercializador e industrial asociado á pesca
Investigación e formación pesqueira
Protección dos recursos e do medio
Política social pesqueira
O turismo: eixo estratéxico de desenvolvemento e factor de reequilibrio territorial
Un comercio moderno e competitivo, comprometido co benestar dos consumidores e a cohesión de Galicia
Autónomos
Financiamento autonómico
Territorio e medio ambiente. Bases para o desenvolvemento sostible
Políticas sociais no centro da acción de Goberno
Saúde, cidadanía e dignidade das persoas
Vivenda
O consumo como dereito cidadán
Deportes
O compromiso coa igualdade
Democracia e cidadanía. Calidade democrática: renovación da vida pública en Galicia
Reforzando os gobernos locais
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 píxeles