| O desenvolvemento do medio rural e da agricultura |
|
| Situación da agricultura e do medio rural |
|
A falta absoluta dunha política agraria activa, a nefasta xestión dos fondos procedentes da Unión Europea e a pasividade dos sucesivos gobernos do PP tiveron como consecuencia unha evolución negativa da agricultura galega nos últimos quince anos.
As zonas rurais están a rexistrar unha dobre crise, especialmente elevada nas comarcas máis dependentes da agricultura, que é de tipo económico pola perda de emprego e renda da agricultura e pola falla dunha suficiente diversificación económica a outras actividades, así como demográfica, como consecuencia das fortes perdas rexistradas na poboación, polo elevado grao de envellecemento existente e pola saída de parte dos máis novos ante a falla de expectativas. A pesares das repetidas promesas da Xunta careceuse dunha política integral para o seu desenvolvemento.
A situación actual pode caracterizarse polas seguintes características:
• Un baixo nivel de rendas. A renda media por ocupado equivale ó 40% da española. Tan só un 20% das explotacións son viables con base ós seus ingresos agrarios mentres que o resto compleméntanos cos derivados doutros traballos ou da percepción de pensións por algún membro da familia.
• A renda global da agricultura galega descendeu nun 20% nos últimos dez anos, mentres que a española se incrementaba nun 25% no mesmo período. O incremento das producións galegas non foi suficiente para contrarrestar o deterioro nos prezos, o que se agravou polo baixo nivel de compensación das axudas da PAC, debido en parte á deficiente xestión das mesmas polos sucesivos gobernos de Fraga.
• As zonas rurais tiveron unha forte perda de emprego e poboación nos últimos quince anos, que na metade dos Concellos de Galicia acadou sobre o 15% da súa poboación e o 20% dos seus ocupados.
Nas producións agrarias están pendentes importantes problemas nas distintas actividades:
• Un importante desfase entre producións e cotas, en gran parte debido ó reparto inxusto das 550 mil toneladas de cota do ano 1999.
• A perda de dereitos de vacas nutrices pola pasividade da Xunta.
• A falta dunha verdadeira reestruturación do viñedo.
• O limitado crecemento doutras producións coma na horta e no porcino con relación á forte expansión rexistrada en España.
Houbo un retroceso da comercialización en termos de equilibrio entre produtores e industrias ó abandonarse ás fórmulas de concertación por medio de contratos homologados .
Careceuse dunha concertación social sen canles de consulta e concertación no seguimento das políticas con representantes dos agricultores.
A agroindustria ten un baixo peso relativo, que é inferior ó que ten na produción agraria no conxunto de España, como consecuencia dunha orientación a produtos de menor valor engadido como o leite envasado e sacrificio do gando e da saída de parte da produción para transformar fora de Galicia. Tan só un grupo empresarial galego figura entre os 10 primeiros do sector lácteo, cárnico ou de piensos en España, malia contar Galicia cun sector agrario especializado nas producións gandeiras. A pasividade do Goberno Fraga deixou escapar a oportunidade de formar un Grupo Lácteo Galego, nun sector de carácter tan estratéxico, perdendo incluso a dirección dos principais grupos lácteos que operaban en Galicia a finais da década dos oitenta.
Unhas estruturas produtivas débiles. O limitado tamaño da maioría das explotacións agrarias e a súa elevada parcelación limita a súa viabilidade económica e tamén as posibilidades de diversificación produtiva.
O Goberno Fraga non aportou ningunha medida innovadora para aumentar o tamaño das explotacións e mellorar as infraestruturas e os traballos de concentración seguen tendo unha duración media de oito anos, similar á de hai trinta anos cando non se dispoñía das novas tecnoloxías que hoxe poderían ter reducido á metade o seu tempo de execución.
Con problemas de continuidade. A meirande parte das explotacións teñen serios problemas de continuidade na actividade polo forte descenso no relevo xeracional nos últimos anos, consecuencia en parte do envellecemento da poboación, pero tamén da falta de expectativas dos máis mozos.
• Unha mala xestión dos fondos estruturais da Unión Europea. Estes fondos, procedentes da Unión Europea, tiñan unha dotación especial para Galicia como zona de Obxectivo 1, polo que deberan ter permitido resolver os nosos problemas estruturais con relación ó uso das terras, á mellora das infraestruturas, das explotacións e das agroindustrias. Nos últimos 15 anos, Galicia recibiu 1.280 millóns de euros (máis de 200 mil millóns de pesetas) en fondos estruturais, o que representa aproximadamente un 40% dos investimentos e un 60% das subvencións da Xunta en materia de agricultura.
• A Xunta incumpriu en gran medida as directrices aprobadas en 1992 sobre o plano Forestal, que terían levado a unha maior integración da produción forestal coa poboación rural e a unha ordenación e uso equilibrado do monte.
• Nos incendios houbo un descenso na superficie afectada a costa dun forte incremento nos investimentos na extinción; pero seguen a ser un problema non resolto, habendo un número moi elevado por non ter actuado sobre as súas causas máis estruturais, dedicándoselles uns gastos equivalentes ó 25% do valor da produción anual de madeira.
• Houbo unha desatención ás comunidades de montes de veciños en man común, incumprindo a lei que as regula e fomenta a súa utilización, así como deficiencias nos convenios de xestión por parte da Xunta.
• A industria de serradoiros rexistrou unha forte reconversión con baixas moi acusadas no número de industrias, como resultado conxunto do seu reducido tamaño, das limitacións crecentes na materia prima pola redución de madeira para serra e da falta dun plano de medidas de reestruturación de serradoiros por parte da Xunta. Non houbo planos de apoio ó peche dos ciclos produtivos, tanto da industria do moble como da produción de papel.
Obxectivos
Os socialistas temos un obxectivo global: promover a mellora do tecido socioeconómico no medio rural e as súas condicións de vida.
• Apostamos pola necesaria modernización da agricultura e da mellora na organización da súa cadea produtiva e polo desenvolvemento económico das zonas rurais que permita unha mellora nas rendas, nas condicións de vida e nas expectativas de futuro dos máis mozos.
• Estamos convencidos da existencia dun potencial produtivo desaproveitado e da capacidade emprendedora dos nosos agricultores e da nosa poboación rural no caso de establecer as necesarias políticas dinamizadoras da actividade e de apoio ós emprendedores.
• Os nosos obxectivos son :
• A mellora das rendas e de competitividade da cadea alimentaria.
• O desenvolvemento das zonas rurais promovendo a súa diversficación económica e a mellora da prestación de servizos e de condicións de vida.
• O apoio á incorporación dos xoves á actividade económica das zonas rurais.
Medidas
1. Para a mellora da produción agraria
A aprobación da Lei de Ordenación Agraria como marco de referencia das políticas estruturais e produtivas para a mellora das explotacións familiares e o impulso do asociacionismo. Incluirá:
Un marco de apoio á explotación agraria familiar con medidas específicas de apoio á súa mellora, ó recoñecemento da cotitularidade ás mulleres traballadoras, e ó relevo xeracional.
O fomento das diferentes fórmulas asociativas, en especial do cooperativismo, para a agrupación de explotacións e para a prestación de servizos de maquinaria, de comercialización e de traballo para facilitar as vacacións ou cubrir baixas por enfermidade ou accidente de membros das explotacións.
Impulsar a mobilidade de terras por medio do apoio ós arrendamentos, cunha regulación equilibrada entre propietarios e arrendadores, así como á adquisición de terras, procedentes da posta a disposición voluntaria dos agricultores, así como as dos programas de cese anticipado e das concentracións parcelarias, creando a este fin un Fondo Público de Terras, que permita a ampliación da superficie das explotacións.
A reforma dos traballos de concentración parcelaria co compromiso de reducir á metade o prazo actual de execución dos traballos, establecendo prioridades ligadas ás explotacións agrarias existentes e á mellora da súa viabilidade, aplicando procedementos específicos para a concentración das terras arboradas e apoiando ás realizadas a iniciativa de grupos de agricultores.
A creación dun Fondo ou Banco Público de Terras para fomentar a súa mobilidade e uso produtivo fronte ó abandono actual, que terá como función arrendar ou vender ós agricultores en activo as terras postas voluntariamente á súa disposición, así como as procedentes do programa de cese anticipado e das concentracións parcelarias.
Un plano de Modernización Agraria con medidas de apoio á modernización das explotacións, cunha aposta pola calidade, pola seguridade alimentaria e polas prácticas respectuosas co medio ambiente, así como con incentivos á incorporación de xoves e ós dereitos de produción.
Un programa especial de promoción e apoio á agricultura ecolóxica, tanto na produción, incluíndo o período de transición, como na promoción e control da calidade, con base á expansión do seu mercado e polo seu menor impacto ambiental. Así mesmo regularase e apoiarase a produción integrada para as principais producións.
Un plano Estratéxico para o Cooperativismo, polo papel que desempeña na articulación e vertebración dos distintos sectores económicos e sociais do medio rural.
O establecemento do Contrato Territorial de Explotación de carácter plurianual que permitirá aportar axudas públicas a aquelas explotacións que se acollan ós mesmos de modo voluntario en función da utilidade social aportada en forma de beneficios ambientais, da xeración de emprego ou de compensación ás limitacións da actividade agraria en certas áreas protexidas.
Constitución do Consello Agrario Galego, composto por representantes das organizacións agrarias, substituíndo ás antigas Cámaras Agrarias, que terá un papel consultivo con relación ás políticas agrarias e de desenvolvemento rural.
Establecemento de Mesas de Seguimento coa participación de representantes dos agricultores en diversos programas de actuación como o saneamento gandeiro, modernización de explotacións, Banco de Terras e concentración parcelaria, as cotas do leite e a nova axuda por explotación.
Apoio a unha aplicación máis equilibrada da reforma da Política Agraria Común, coa reasignación de dereitos —procedentes dos programas de abandono— a outros produtores en base a criterios socioeconómicos de prioridade, así como a creación dunha Reserva Nacional de dereitos e os instrumentos de modulación das axudas para tentar corrixir a moi desigual distribución das mesmas que beneficia ós grandes propietarios e prexudica á práctica totalidade dos agricultores galegos.
Plano de apoio á investigación, divulgación e innovación co fin de mellorar a eficiencia e diversificación produtiva por medio dun programa integrado de fomento da investigación aplicada, da capacitación e divulgación agraria, da reforma e potenciación dos servizos comarcais da Consellería, como instrumento para o desenvolvemento rural de modo que se axilice o seu funcionamento e se estableza un novo programa de prestación de servizos aberto ás asociacións e organizacións profesionais agrarias. Coordinaranse actuacións en investigación, innovación e divulgación co centro Tecnolóxico para a calidade alimentaria e as indicacións xeográficas protexidas de recente creación polo Goberno central en Lugo.
Un programa estratéxico de apoio ás principais producións e á súa diversificación, incluirá:
Un programa global para o sector lácteo, comprendendo un plano de ordenación da produción para acadar a viabilidade e competitividade das explotacións, así como a mellora da industrialización cunha especial incidencia na diversificación produtiva na elaboración de queixos e derivados lácteos.
Un programa específico de produción de carne de vacún baseado tanto na produción complementaria en explotacións de leite, como na produción extensiva con vacas de carne.
Un plano de apoio ás producións intensivas de porcino e aves e de mellora da xestión dos residuos das súas explotacións.
Medidas de apoio ás zonas tradicionais de aproveitamento extensivo nos montes para superar os problemas existentes ligados á organización dos aproveitamentos e mellora dos pastos. Unhas medidas que ata o de agora non se aplicaron e que supuxeron unha regresión destas producións.
Un plano de recuperación das producións extensivas de ovino e caprino.
Un plano urxente de ordenación dos viñedos reorientando o actual plano de reestruturación para dar prioridade ós produtores tradicionais co fin de mellorar a estrutura produtiva, os camiños de acceso ós viñedos e a promoción de acordos de ordenación e concentración de parcelas que permitan rendibilizar eficazmente as explotacións.
Un plano de ordenación e mellora do cultivo de patacas, con especial atención ás comarcas da Limia, Bergantiños e Terra Chá.
Un plano de diversificación das producións orientado ás producións intensivas de horta, flor e froitas, de novas producións gandeiras de ovino de leite, porcino extensivo e aves, así como as de cereais e de cultivos para uso enerxético.
Un plano de aproveitamento e mellora das zonas en regadío resultantes do plano estatal actualmente en execución na Limia, Terra Cha e Val de Lemos, con medidas complementarias de reordenación das producións e de prestación de servizos de apoio ás comunidades de regantes.
Un plano especial de medidas para a mellora da comercialización dos produtos agrarios, que incluirá o apoio ó establecemento de mesas de concertación de prezos, con medidas financeiras a créditos de campaña para as compras realizadas por medio de contratos homologados, unha lei reguladora das actividades en réxime de integración, así como o establecemento de subastas e do control interprofesional do peso e da clasificación de canais do gando.
Establecemento de axudas de compensación dos danos producidos pola fauna salvaxe na gandería e dos danos de caza nos cultivos, neste caso por medio dun seguro global a establecer pola Xunta sobre as terras cinexéticas de Galicia, sendo parte do seu importe repercutido sobre os titulares deses dereitos cinexéticos.
2. Para a mellora da industria e da calidade alimentaria
Plan estratéxico de medidas de apoio á industria agroalimentaria para o establecemento de novas actividades, a modernización das instalacións, o fomento dos sistemas de aseguramento da calidade, a redución de impactos medio ambientais, a investigación e desenvolvemento de novos produtos, o establecemento de sistemas de control da trazabilidade, e outras accións que permitan unha mellor introdución e presenza dos produtos nos puntos de venda; todo isto, co obxectivo de potenciar a calidade dos mesmos e unha maior garantía para os consumidores.
Apoio á creación dun grupo lácteo galego, coa participación de cooperativas e outras entidades asociativas de gandeiros e de empresas lácteas domiciliadas en Galicia, co obxecto de acadar un maior volume e diversificación dos elaborados.
A promoción de «marcas colectivas» que permitan tipificar producións e produtos, mellorar a súa calidade e promoción, en especial os que poidan acollerse ás figuras de protección recoñecidas no ámbito da Unión Europea, tanto ás ligadas á orixe ou procedencia (denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas), como as relacionadas cun modo especial de elaboración ou con determinadas características específicas dos produtos (especialidades tradicionais garantidas).
Establecemento dun Centro de Tecnoloxía Alimentaria, que potencie en especial as innovacións tecnolóxicas en produtos lácteos, cárnicos e viños, en colaboración coas asociacións de empresas agroalimentarias, coas Universidades e co Centro Tecnolóxico para a Calidade Alimentaria da Administración do Estado.
Creación do Instituto da Viña e do Viño de Galicia, que coordine tódalas accións necesarias para dar un maior impulso ó sector vitivinícola, desde os aspectos relativos á produción ata a posta no mercado dos produtos e a súa promoción.
3. Medidas para o desenvolvemento das zonas rurais
1. Elaboración dun plano Estratéxico para o Medio Rural, coa participación de tódolos sectores do medio rural, de carácter plurianual, que determinará os obxectivos prioritarios para un desenvolvemento económico sostible.
2. Este plano orientará as actuacións de desenvolvemento rural para manter unha actividade económica suficiente e diversificada, a permanencia da poboación rural con condicións axeitadas de benestar, así como para asegurar a rexeneración dos recursos naturais e conservar o seu patrimonio natural e cultural.
3. A súa execución ten que respectar as peculiaridades territoriais, propiciando o aproveitamento das potencialidades locais, o mantemento e modernización das actividades produtivas agrarias, gandeiras, forestais, a potenciación das transformadoras, o turismo rural, e novas iniciativas e actividades complementarias ou alternativas, compatibles coa preservación do medio e do patrimonio cultural.
4. Os socialistas entendemos que os avances logrados na educación, na mellora das infraestruturas e as novas tecnoloxías, en especial no campo das comunicacións deben de ser unha das bases dos planos de desenvolvemento integral das zonas rurais, polo que as administracións teñen que garantir o acceso universal ás mesmas co fin de apoiar a cualificación profesional e mellorar a xestión nas explotacións e promover o desenvolvemento de novas actividades e iniciativas emprendedoras no rural.
5. Programa específico para a incorporación da participación da muller do medio rural na actividade económica e discriminación positiva en tódalas actuacións do Goberno da Xunta.
6. Unha Lei de Desenvolvemento Rural, que fixe as accións públicas prioritarias e incentive as actuacións privadas a favor da súa converxencia en rendas e condicións de vida, así como as actividades de cooperación coa Administración Local.
7. Creación dun Fondo Económico para o Desenvolvemento Rural que centralice fondos dispersos nunha xestión coordinada. Terá un carácter plurianual e revisable a medio prazo, capaz de consolidar e asegurar a continuidade das actuacións. Así mesmo, en coordinación coa Administración do Estado, establecerase unha discriminación fiscal positiva por medio de incentivos que privilexien o traballo e as iniciativas económicas no medio rural. Estableceranse contratos territoriais de explotación para a xestión do territorio incluíndo, entre outras, medidas agroambientais, as zonas desfavorecidas e a Rede Natura.
8. Fomento da participación social no desenvolvemento rural como un medio de articulación entre a sociedade e as institucións no marco dun novo modelo de relacións, con apoio ós grupos de desenvolvemento social e ás súas redes asociativas.
9. Establecemento duns novos ámbitos supracomarcais ou áreas funcionais co obxectivo de promover a cohesión e progreso das zonas rurais, coa creación duns Centros de Economía Rural dotados de servizos de promoción económica para un apoio especial á actividades emprendedoras con base á idea de negocio e capacidade das persoas, ás que se apoiará na súa formación, financiamento do seu proxecto e cun seguimento especial nos primeiros anos de actividade para compensar as maiores dificultades de establecemento das actividades nestas áreas.
10. Un plano de mellora dos servizos e infraestruturas dos núcleos rurais fomentando a utilización das novas tecnoloxías e extendendo a rede de banda ancha ata as zonas rurais, facilitando o establecemento de novas actividades económicas e a mellora da calidade de vida. Farase a través dunha planificación integrada coas actuacións das demais Administracións, buscando a eficacia dos investimentos e o aproveitamento dos recursos.
11. Establecemento dunhas medidas especiais de apoio ás empresas establecidas á iniciativa da xente moza ou nas que participen maioritariamente, en especial en actividades que aporten unha maior diversificación económica.
5. Medidas para a mellora da produción forestal
1. A promoción da produción forestal que contemple a súa integración cos usos agrícolas e gandeiros, a compatibilidade coa conservación dos recursos e a mellora do medio natural coa posta en produción de terras que, estando fóra do uso agrícola, permitan o seu aproveitamento forestal.
2. Aplicación dun programa expreso para a mellora da produción forestal nos montes particulares, que inclúa procedementos específicos para a concentración das terras arboradas e a dotación de infraestruturas e axudas ás plantacións.
3. Establecemento de actuacións para o fomento do asociacionismo dos propietarios. O problema do microparcelamento galego que restou competitividade á nosa gandería e agricultura, constitúe aínda un lastre no sector forestal.
4. Un programa específico de apoio ós montes veciñais en man común, co apoio ó funcionamento das comunidades e a elaboración de planos de ordenación e xestión dos montes, así como a oferta duns novos convenios para a súa xestión pública pola Xunta cunhas maiores garantías de participación das comunidades.
5. A constitución dun Banco Forestal como un fondo de financiamento mixto para apoiar as plantacións forestais para a produción de madeiras de calidade e a xestión forestal sostible.
6. A execución dun plano de fomento do emprego rural en traballos forestais e medio ambientais nos montes de xestión pública, dando prioridade ós veciños residentes e ás cooperativas de traballo asociado.
7. A integración dos servizos de loita contra incendios coas actividades de prevención e o establecemento de incentivos económicos ligados á redución no número e a non existencia de incendios.
8. A mellora da comercialización da madeira, promovendo as agrupacións de produtores e a realización de subhastas públicas de madeira cortada e clasificada en parques.
9. Un plano especial de reestruturación das industrias de serradoiros con apoio ós investimentos produtivos e ó establecemento de servizos en común.
10. Un plano estratéxico de apoio ás industrias do moble con apoio especial ás actividades de deseño, de acordos de colaboración e de prestación de servizos.
11. O apoio á Xestión Forestal Sostible (XFS) e o seu recoñecemento por calquera dos sistemas de certificación existentes ou futuros en Galicia, que se artellará por medio da coordinación nos diferentes niveis do ordenamento territorial, cunha revisión do plano forestal, coa realización dos planos de Ordenación de Recursos Forestais e planos Técnicos de Xestión nas propiedades privadas individuais.
12. Creación dun Servizo de Extensión Forestal para a divulgación e apoio á innovación tecnolóxica na produción forestal.
13. Apoio á valorización dos subprodutos forestais e á utilización da biomasa para a produción de enerxía, así como a outras iniciativas que permitan incrementar o valor engadido.
14. Establecemento dunha rede galega de parques naturais e espazos protexidos, con medidas especiais de apoio, compensación e promoción das áreas de influencia, que cumpra obxectivos de conservación, educación medioambiental e de promoción ordenada de actividades de ocio e turismo.
15. Establecemento dun seguro de danos dos animais de caza nos cultivos a subscribir pola Xunta de Galicia sobre a totalidade das terras cinexéticas de Galicia, sendo posteriormente repercutido parte deste custe ós titulares dos dereitos cinexéticos.
|
|
| « Volver |
|
|
|
|
|