26/07/2005 Discurso de investidura no Parlamento Touriño exporá no discurso de investidura os eixos da actuación do próximo goberno da Xunta A modernización de Galicia, a calidade dos servicios públicos e a democracia serán as prioridades do goberno A súa presidencia estará caracterizada pola transparencia, a integración e o diálogo O Candidato Socialista á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño exporá mañá na súa intervención no debate de Investidura os eixos de actuación do goberno da Xunta de Galicia para os vindeiros catro anos. O eixos de actuación do goberno estarán baseados na modernización tecnolóxica e económica do país, na creación de emprego como obxectivo prioritario e na converxencia real de Galicia co resto de España. Touriño comprometerase ademáis coa Galicia social e solidaria, mediante o fortalecimento dos servicios públicos, a educación e a sanidade e o impulso das políticas sociais e de igualdade. O terceiro eixo do seu discurso será o impulso do autogoberno, o fortalecimento do papel de Galicia en España e en Europa, e o fortalecemento da democracia. O candidato socialista comprometerase a construír un novo horizonte de progreso en Galicia. A abrir un novo horizonte nacional de progreso compartido e de reequilibrio social e territorial, co obxectivo de construír un país da tolerancia, un país da modernidade, un país da educación, un país avanzado e un país culto e libre. Pérez Touriño solicitará a confianza da Cámara, "dende o compromiso de que ninguén quede excluido do proceso político que se abre" con vontade de inclusión, integración e de diálogo con todas as forzas políticas. O candidato socialista comprometerase a exercer unha presidencia caracterizada pola transparencia, a integración e o diálogo que busque, por riba de todo, "o diálogo e o consenso de todas as forzas políticas".
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 píxeles
|