25/07/2005 Celebración do Día de Galicia en Rianxo Touriño reitera o seu compromiso por consensuar un novo Estatuto no que os galegos se sintan cómodos Fixo especial fincapé na súa "responsabilidade" dentro do novo Goberno para "impulsar a Galicia da modernidade e o futuro". Os socialistas galegos volveron a Rianxo a celebrar a súa tradicional homenaxe a Castelao O secretario xeral do PSdeG e próximo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reiterou na localidade coruñesa de Rianxo o seu "compromiso" de que exista "consenso" político entre as tres forzas que conforman o Parlamento de Galicia á hora de acometer a reforma do Estatuto de Autonomía da comunidade. Touriño insistiu en que o novo texto ha de ser "de todos" e asegurou que este Estatuto terá que ser un marco no que tódolos galegos "se sintan reflexados e cómodos". Na tradicional homenaxe a Castelao, que o PSdeG celebra en Rianxo tódolos 25 de xullo, o líder socialista aproveitou ademais para asegurar que o novo goberno da Xunta rematará coa "Galicia de segunda velocidade". O acto celebrado en Rianxo polos socialistas galegos tivo un ton especial, motivado pola súa próxima presencia no que será o novo Executivo autonómico despois das eleccións celebradas o pasado 19 de xuño. Touriño acompañado polo secretario de Organización do PSOE, José Blanco, e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, tomaba parte na ofrenda floral a Castelao sinalando que tanto o PSOE como Galicia viven "un 25 de xullo especial marcado polo cambio". Neste novo tempo político que se abre na comunidade, e ante o debate de investidura que Touriño afrontará no Parlamento o mércoles e o venres desta mesma semana, o futuro presidente da Xunta aproveitou as celebracións do Día da Patria para apelar á "unidade" de Galicia e os galegos, algo que segundo explicou será una "prioridade" do novo Executivo da Xunta. "Unidade nacional, cohesión dos galegos nun proxecto común", será a "primeira gran prioridade da tarefa do cambio", sinalou o futuro presidente galego. Ademais Touriño fixo especial fincapé na súa "responsabilidade" dentro do novo Goberno para "impulsar a Galicia da modernidade e o futuro". Estatuto O argumento central no que Touriño baseou o "especial" Día de Galicia en Rianxo foi a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, un novo texto que segundo o líder socialista ten que "reforzar o papel de Galicia en España e procurar mellor calidade de vida para os galegos". Touriño asegurou que co novo Executivo na Xunta, Galicia "non vai quedar atrás de ninguén". Neste sentido o líder socialista asumiu a responsabilidade de que a comunidade "sexa tamén a primeira comunidade autónoma na modificación estatutaria" nun proceso que, segund reiterou", terá que "pactarse e concertarse entre todos". Semana decisiva Touriño recoñeceu unha celebración "especial" do 25 de xullo, esta semana comenzará a traballar a comisión que o pasado venres acordou con Manuel Fraga para realizar o traspaso de poderes na Xunta, e afrontará o seu debate de investidura no Parlamento de Galicia. O mércores pola mañán Touriño pronunciará no Pazo do Hórreo o seu discurso de investidura ante a Cámara, tras o cal se suspenderá a sesión ata o venres, cando intervirán no hemiciclo os portavoces parlamentarios para pronunciarse ao respecto dos candidatos que optan ao Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño e Manuel Fraga, que recibirá o apoio dos 37 deputados do PPdeG, mentras que Touriño contará co respaldo dos deputados socialistas e nacionalistas, un total de 38 votos xa que o BNG expresou a pasada semana á presidenta do Parlamento o seu apoio á candidatura de Touriño. Ademais tres integrantes do PSdeG e BNG, terán que reunirse esta semana con Alberto Núñez Feijóo, Xosé Manuel Barreiro y Xaime Pita para comezar os traballos de coordinación do traspaso de poderes na Xunta de Galicia.
Copyright 2005, PSdeG-PSOE - Optimizado a 800 x 600 píxeles
|